Galicia busca converterse na primeira comunidade en prohibir a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores

O proxecto de lei, a debate esta semana no Parlamento, equipara estes produtos ao tabaco e ao alcol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2025 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O proxecto de lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas aditivas chega este martes ao Pleno do Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva. Unha lei que prohibe a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores ao equiparalos ao tabaco e alcol. Á iniciativa só rexistra unha emenda, do BNG, que solicita a súa devolución ante a súa "tremenda ambigüidade", cunha "sucesión de xeneralidades, sen concrecións".

O Consello da Xunta aprobaba a finais de xullo o proxecto de lei, un texto que converte a Galicia na primeira comunidade en regular e prohibir a venda e o consumo destes produtos entre os menores de idade. A iniciativa incorpora diferentes achegas de sectores implicados, de organismos públicos, de entidades sociais e da cidadanía.

En palabras do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, tras o debate da proposición na reunión do Consello, trátase dunha norma "necesaria, valente e ambiciosa" coa que buscan unha acción "coordinada" de toda a sociedade para protexer a saúde dos menores. Na súa intervención, o conselleiro explicaba que a norma parte dun enfoque integral e transversal, que aborda "tanto adiccións con sustancia como sen sustancia (xogo, tecnoloxías...)" e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta.

AMPLÍA A PROHIBICIÓN DE FUMAR

O proxecto de lei prohibe a venda de cigarros electrónicos a menores e amplía a prohibición de fumar aos accesos dos centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar nun radio de 50 metros. Ademais, para reducir o número de fumadores pasivos, tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público.

RISCOS DAS BEBIDAS ENERXÉTICAS

A Xunta sinala que as bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. En adolescentes, inxestas superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamentos, ademais de trastornos cardiovasculares. Por este motivo, Galicia será "pioneira" a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron países europeos como Polonia e Letonia.

Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado
Mozo comprando bebidas enerxéticas nun supermercado | Fonte: SOLSTOCK - Arquivo

Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos. O Goberno galego destaca que o consumo destas bebidas é habitual entre a mocidade mesturado con alcol, o que incrementa o risco de coma etílico. Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha sustancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais.

No caso de que sexa atendido por segunda vez, ofreceráselle participar nun programa de axuda e recomendarase a participación do adulto responsable. A norma tamén incluirá a prohibición da promoción de bebidas alcohólicas en establecementos nos que estea autorizado o consumo no propio local, mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado. Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.

SUBSTITUÍR SANCIÓNS POLA PARTICIPACIÓN EN PROGRAMAS PREVENTIVOS

O proxecto incorpora, como novidade, a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcol, fumar ou consumir cannabis ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora. Ademais, incide na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario. En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos, incorpóranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcol, tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais.

COMPETENCIAS DAS ADMINISTRACIÓNS

No referente ás competencias das distintas administracións, o proxecto de lei define as mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na lei de 2010 de prevención do consumo de alcol en menores. Ademais, a nova norma traslada a competencia na imposición de sanción relativas ao botellón dos concellos aos departamentos territoriais de sanidade. 

Para garantir a coordinación, crearase unha comisión en materia de prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, mocidade e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións, cos que se asinarán convenios de colaboración.

EMENDA Á TOTALIDADE DO BNG

O grupo parlamentario do BNG presentou unha emenda á totalidade, de devolución, a este proxecto de lei, xa que consideran que é "tremendamente ambiguo", cunha "sucesión de xeneralidades, sen concrecións". Para os nacionalistas, o texto inclúe medidas sen establecer o ámbito no que se van a aplicar nin os colectivos destinatarios das mesmas.

Lamentan que derive cara aos concellos actuacións que exceden o seu ámbito competencial, como o sanitario, o educativo ou a prevención. "Ademais de ser claramente actuacións de competencia da Xunta de Galicia, esta pretende que as asuman os concellos sen que ese labor vaia acompañado de recursos orzamentarios, técnicos ou humanos", recollen no texto.

Afean tamén que a lei que se pretende sacar adiante "bascula moi especialmente" cara ás prohibicións, infraccións e sancións no canto da accións de prevención, información, formación e sensibilización, con recursos, obxectivos e prazos. Sobre isto, tachan as sancións de "desproporcionadas", especialmente tendo en conta que van dirixidas a menores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta