Beramendi e Blanco Valdés non acreditan na cualidade máis importante dos gatos, que é a da caza dos ratos. Porfían interesadamente na importancia da súa cor, seguramente porque non acreditan no referente ás prioridades que o dirixente chinés (Mao Tse Tung), expresou naquela metáfora. Do mesmo xeito eles dous están a falar "das interioridades" do Bloque Nacionalista Galego, cun obxectivo: o pote está a cocer e xa saben que o "cocido" non vai ser do seu gusto, por dicilo dunha maneira pouco ferinte seguramente polos prexuízos de sempre da liña editorial do xornal para o que traballan e cobran.
Ao meu entender mesturan información e opinión dun xeito interesado e, no mellor dos casos, condicionados pola esixencia de "La Voz de Galicia". A neutralidade tanto deles como do xornal non é que sexa discutíbel, é unha imposibilidade real. Para poñerme ao par direi que a miña neutralidade non é tal; a diferencia básica vai ser que eu non teño a necesidade de negala, eles pola contra non senten a obriga ética nin estética de facer tal cousa.
Convén dicir de primeiras. que o patriotismo galego non ten politicamente, nin legalmente, nos seus obxectivos a negación deste dereito a ningún outro PaIs, por pequeno que sexa ou pola súa riqueza ou pobreza. A patria é ou non é, ademais non pode ser copartillada e precisa dunha expresión e configuración política. Para min esta formulación expresa nidiamente a contradición principal e a escolla que debe facer o nacionalismo galego fronte a quen negue tal posibilidade, o demais e secundario e para despois, cando Galiza poda exercer a súa soberanía sen ningunha dependencia. Dita afirmación non engana, nin agacha intención algunha. A escuridade está en quen nega a posibilidade de ter unha Patria distinta a quen non acredita na que lle impoñen e non a senten como tal.
Beramendi e Blanco Valdés saben como sei eu, que a configuración xurídica dunha nova Patria faise a partires de tres premisas necesarias: unha vontade maioritaria do pobo para exercer a soberanía , a concesión dese dereito por quen a está exercendo e a súa consecución no confronto entre contrarios; e tamén saben como sei eu, que a experiencia histórica esixe para dar cumprimento a primeira premisa é necesario que a vontade maioritaria dun pobo precisa da suma de esforzos con expresión organizativa nun movemento ou nunha fronte.
Non vexo ningunha das cousas que ámbolos dous están a insinuar ou afirmar. Pola contra, o que máis me enche do Bloque é o deseño dun camiño para que unha Patria Galega se faga realidade porque emparexa cos meus pensamentos e sentimentos. Nas demais organizacions politicas o pluralismo onde o ven, no centralismo do rebaño?
O mundo agora é propiedade das corporacións, que o administran caseque todo, controlando con maior severidade, como o fixeron outrora os colonizadores. Ser pobre, negro, indio ou agora galego, vasco, catalán, etc..-a final de contas case é o mesmo-. A obriga é decatarnos que os innumerables proxectos de "modernización" forzosa e a ideoloxía que terma deles, están a producir unha erosión continúa de valores para tratar de convencernos do roubo do noso espazo vital, en nome do progreso e dunhas leis con moitos vicios de obra.
Calar era unha posibilidade, mais como na información e na opinión só vin posicións ideolóxicas, decidín non deixarme levar pola neutralidade que algúns confesan, pero logo demostran a súa imposibilidade.