A fin da maioría de Feijóo e o efecto Leiceaga

O 26 de Xuño arroxou un escenario electoral que non permite albiscar qué acontecerá nas vindeiras eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro outono en Galicia.

Por Iván Vaqueiro | Vigo | 13/07/2016

Comparte esta noticia
Máis aló do complexo escenario estatal onde Rajoy non ten inda asegurada a súa investidura e nada impide que se non o acada non sexa posible un goberno alternativo dirixido polo PSOE, atopamos en Galicia un escenario distinto, cun panorama que se vai aclarando logo dos resultados das eleccións xerais, onde agromaron dous proxectos máis ou menos diferenciados e outros tres en proceso. Logo dos bandazos e claros erros políticos de Cidadáns en Galicia, que levaron por diante o seu escano no Congreso por Galicia, e a pesar de ter un notable número de votos, a falla de claridade do seu proxecto non permite albiscar o futuro desta formación en Galicia. Pola súa parte, o BNG continua nun proceso que parece non ter fin de perda de votos que pon á forza nacionalista nun difícil papel a pesar da tenaz labor levada a cabo por Ana Pontón e a súa nova equipa, facendo que o espazo nacionalista se vaia recortando elección tras elección de xeito tráxico. Mentres, as Mareas, contrariadas polo seu resultado electoral e cunha campaña non exenta de polémicas públicas entre os integrantes da súa marca electoral, viron como non só retrocedían un escano por Ourense, senón que o PSdeG de Xoaquín Fernández Leiceaga os superaba en escanos e se colocaba como alternativa ao PP en Galicia a escasos meses da contenda. Coa necesidade de reformularse e atopar un claro liderado, parece que as vindeiras semanas, Podemos, As Mareas, ANOVA e Esquerda Unida terán moito que traballar se non queren que a súa marca pareza unha amalgama de siglas cun liderado con pouco tempo de rodaxe e descoñecido por falla de tempo e cun discurso pouco homoxéneo. Se a fortuna favorece aos audaces, Leiceaga se atopa nun intre politicamente doce. A vitoria clara nas primarias do PSdeG e a recuperación da segunda posición electoral nas eleccións xerais superando ás Mareas (non só en escanos, senón tamén en votos) o facultan para liderar a alternativa ao PP en Galicia. Cunha campaña próxima ao cidadán, pisando o territorio e recuperando o discurso en chave de país, Leiceaga parece ter recuperado o pulso do PSdeG e comezar, como “principe nuovo” a construción non só dun novo discurso senón dun troco xeracional no partido socialista galego. Novos rostros e un discurso de estilete nos puntos febles do PP como a economía e a industria, a falla de internacionalización, a demografía, as políticas culturais, sociais ou a optimización das competencias estatutarias a través da reformulación das estruturas da Xunta de Galicia e a súa posición con respecto á relación que Galicia debe ter respecto ao estado Español, parecen ser o frontispicio do novo discurso do PSdeG, avalado, e de qué forma polos ex presidentes Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe que dende o primeiro intre, parecen decantarse polo novo líder e candidato do PSdeG na reconquista da Xunta de Galicia. Para elo deberá liderar unha alternativa ao PP que se atopa sumido nunha crise hexemónica que se manifesta no feito de que inda mantendo o poder político, está a perder posicións de liderado social e moitas frontes como o seu peso nas cidades, o mundo o universitario, o mundo cultural, e mesmo na esfera económica. Seguindo a lóxica da hexemonía de Gramsci, en tanto en canto o PP non logra resolver os problemas de Galicia e impoñer a toda a sociedade galega a súa propia concepción política perdendo a maioría, se outro grupo logran indicar solucións concretas e aceptadas aos problemas non resoltos, ese grupo social torna en grupo dirixente e, se é quen de atraer a outros grupos sociais, poder crear un novo bloque social a través dunha alianza política cos diferentes grupos que camiñe cara a unha posición de nova hexemonía mediante unha política e unha cultura propias. O aporte de experiencia e de imaxe de Leiceaga, que por primeira vez en anos, reivindica e recupera aos referentes do PSdeG como os ex presidentes ou figuras destacadas da súa historia, unida ao crecente proceso de renovación que está a experimentar, pode ser unha exitosa ferramenta electoral se consegue non só activar o voto potencial do PSdeG, aglutinar toda a potencia orgánica cara a campaña, calmando as procelosas augas dos liderados locais e provinciais do PSdeG, senón atraer novos grupos sociais (voto galeguista, o voto urbano, o mundo da cultura, os emprendedores, a xente nova,...) que fuxiu do partido socialista dende o ano 2009. Se unimos ao discurso e a renovación propiciada por Leicega nun PSdeG que goberna en 3 das catro deputacións e en boa parte das cidades galegas, sendo quén de por como proposta o exemplo de xestión das institucións que xa goberna, o PP debería comezar a preocuparse. Nuñez Feijoo saiu reforzado tamén destas eleccións. Dúas actas máis que en decembro e a desaparición de Cidadáns da esfera institucional en Galicia, non son premio menor, pero tamén é enganoso. As eleccións arroxaron por máis de 16.000 votos, a perda da maioría absoluta en Galicia do PP como un feito claro dende as eleccións municipais, e por tanto, o panorama electoral está máis aberto que nunca. Se Rajoy non acadase formar goberno en España ou o fixera de xeito feble e minoritario, a debilidade dun PPdeG que perdeu en Galicia dende o ano 2011 a moi destacable cifra de 220.740 votos e 11,10 puntos (de 864.567 votos que representaba o 52,53% no 2011 a 643.827 votos, que representa o 41,49 % nas eleccións do 26 de Xuño). O PP perdeu por tanto, claramente a maioría absoluta e comeza o seu declinar electoral en Galicia e en España, máis alá de que a esquerda inda non dese coa fórmula para xerar unha alternativa de goberno en España e veremos, en Galicia. As portas da Xunta están agora mesmo, abertas para un cambio político. Feijoo e Leiceaga veranse as caras en Outono. O primeiro, para tentar sumar o seu terceiro mandato sen perder de vista Madrid, onde podería ter que emigrar politicamente se a opción Rajoy non frutifica. E o segundo, se é quen co escaso marxe que ten de tempo, de acelerar a curación do PSdeG e facer del a ferramenta de cambio que Galicia necesita, aglutinando a meirande parte do voto de esquerdas e galeguista para liderar un novo bloque hexemónico e impulsar o necesario cambio político, que tras 8 anos do PP, Galicia precisa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro