Inaugurado o centro de saúde de Galeras (Santiago) para "descargar" Concepción Arenal e ser referente de peregrinos

Terá 10 médicos de familia, dos que dous xa están activos, con pediatría, fisioterapia e odontoloxía para 15.000 potenciais pacientes

A CORUÑA | 18/07/2016 | Actualizada ás 15:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O centro de saúde de Galeras, en Santiago de Compostela, foi inaugurado este luns, tras entrar en servizo o 4 de xullo, co obxectivo de "descargar" de presión asistencial o ambulatorio Concepción Areal mediante unhas instalacións para 15.000 potenciais pacientes nas que se investiron tres millóns de euros.

Así o apuntou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras inaugurar o centro --a súa construción iniciouse en 2014-- xunto ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entre outros cargos do Sergas cos que realizou un paseo para coñecer estas novas instalacións de 3.500 metros cadrados.

Segundo destacou Feijóo, esta infraestrutura "puntal" busca "cubrir un oco que había na cidade", xa que o novo centro de saúde se suma aos catro existentes na capital de Galicia (Concepción Arenal, Fontiñas, Conxo e Vite), se ben sinalou que "aínda irá pouco a pouco collendo velocidade de cruceiro".

En concreto, contará con 25 profesionais: 10 médicos de familia (por agora están dous, que se irán incorporando a medida que aumenten os pacientes), sete enfermeiras, un pediatra, unha matrona, dous odontólogos, un hixienista, un fisioterapeuta --que busca absorber demanda que ten o centro de Fontiñas--, un traballador social e persoal dos servizos xerais.

Entre as súas instalacións conta con seis consultas de medicina, catro de enfermaría, matrona, farmacia, odontoloxía, traballador social e unha sala de cirurxía menor.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, remarcou que este centro de saúde "vén a responder a unha necesidade obxectiva" na capital de Galicia, ao tempo que valora que se reúnen "todos os requisitos asistenciais", é "multidisciplinar" e vai mellorar a oferta sanitaria" de Compostela.

ATENCIÓN A PEREGRINOS

O presidente da Xunta destacou que este ambulatorio terá tamén o "obxectivo" de atender aos peregrinos que chegan a Santiago, "no caso de que o requiran", xa que se atopa a menos de 500 metros da Praza do Obradoiro e está case a lado da oficina na que se entregan as Compostelas.

"Os peregrinos que cheguen ata aquí comprobarán que a Atención Primaria en Galicia é das mellores de calquera lugar de Europa", afirmou Feijóo.

ÁREA DE SANTIAGO E RENOVACIÓN DE TECNOLOXÍA

En Santiago, hai 107.000 persoas con tarxeta sanitaria, dos que máis de 93.000 teñen máis de 15 anos e o resto reciben atención pediátrica.

Na área compostelana traballan 224 profesionais sanitarios en Atención Primaria, cunha media de 108 consultas diarias en xuño por parte dos médicos de familia.

En canto aos medios existentes, Feijóo subliñou que se puxo en marcha un laboratorio central no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), mentres "se está a renovar a tecnoloxía". Así, substituiranse tres aceleradores lineais na área de radioterapia, vanse renovar unha sala de hemodinámica e outra de electrofisioloxía, así como outra relativa a medicina nuclear, entre outras actuacións.

MAPA DE CENTROS DE GALICIA E CONSULTA TELEFÓNICA

Así mesmo, Núñez Feijóo subliñou que nos últimos oito anos a Xunta traballou en 36 centros de saúde, 25 de nova construción e 11 reformados. Segundo indicou, está previsto que se poñan en servizo 13 este ano e outros 10 licitaranse nos próximos meses ata alcanzar un total de 46.

Por iso, a final deste ano o "70 por cento" dos galegos terán na súa área de saúde un centro de saúde ou hospital novo ou reformado, apunta o líder do Executivo autonómico.

Nesta liña, destaca que se a Atención Primaria funciona "hai muchísimas posibilidades de que todo o sistema funcione", porque no caso contrario "se colapsan as urxencias nos hospitais" e "prodúcese un impacto de mala xestión" que "se"vai transmitindo ata o último elo da cadea".

Xunto a isto, o presidente da Xunta chamou a atención sobre o dato "histórico" de que a derivación hospitalaria dende os centros de saúde está por debaixo do 10 por cento, "iso significa que o 90 por cento dos problemas de saúde se atenden no ámbito da Atención Primaria". Unha cuestión que dá lugar aos mellores datos no primeiro semestre en listas de espera no ámbito cirúrxico, asegura.

Finalmente, outro dos aspectos sobre os que chamou a atención Feijóo é que actualmente dous millóns de consultas do Sergas xa se fan por teléfono.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta