OPINIÓN.- Made in China

 Por Xurxo Ayán. Tras décadas cinguida ás súas augas territoriais, a Armada chinesa escoa hoxendía polas augas do Mar Roxo na procura de piratas somalíes. A presenza desta superpotencia non colle de sorpresa a ninguén. De feito, a invasión etíope de Somalia no Nadal de 2006 empregou como casus belli lexitimador o ataque dun comando terrorista somalí a un acampamento de traballadores e técnicos chineses no E da antiga Abisinia...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 04/05/2009

Comparte esta noticia

None

No ano 2006, no noso traballo etnoarqueolóxico na rexión de Benishangul-Gumuz estabamos afeitos a ver enxeñeiros, topógrafos e capataces chineses dirixindo as obras das novas estradas. Pequenas Chinatown esparexíanse pola paisaxe, cunha fasquía propia de Mad Max; cidades en miniatura cinguidas por grandes contedores metálicos e valados electrificados, á marxe totalmente da realidade do país, coas súas escolas, enfermerías e tendas de comestibles. Aí viven as familias de técnicos cualificados, moitos dos cales son enviados a estas terras exóticas por motivos políticos, e outras veces como un mecanismo de promoción laboral por méritos de traballo no exterior. Nos poboados de grupos étnicos como os gumuz ou os agaw prolifera toda unha cultura material nova, procedente das factorías chinesas: chancletas e zapatos de plástico, camisetas coa faciana de Henry, Ronaldo ou Beckham minimamente esbozadas...

En 2009 a chinesización acada cotas sublimes. Na fronteira con Sudán, na aldea añuak de Iliya, as mulleres decoran o interior da súa cabana circular con vaixelas de café chinesas e con follas de xornais e e fotos de nenos chineses de calendario. Polas rúas de calquer vila de estrada os nenos xa non se dirixen a nós chamándonos faranji (guiris) senón que directamente pensan que somos China, China! Humor amarelo. A influencia chinesa compleméntase coa BBC e a Liga inglesa, algo entretido e lonxano, pero que pouco ten que ver coa vida real. As camisolas do Arsenal e do Manchester que locen orgullosos os afeccionados etíopes veñen dos contedores dos barcos e dos avións chineses. Incluso a febre Obama está mediatizada por China, artífice de postais, fotografías, calendarios e camisolas co retrato do presidente de tódolos africanos. Nunha aldea da zona de Begi unha nai moza, da etnia mao, loce un típico colar de doas amarelas de pasta vítrea. Esta marca de identidade, este elemento fundamental da súa identidade (étnia e de xénero) acompáñase dunha chave metálica inútil, pois non hai fechaduras que abrir nin pechar. Na chave está gravada uha única palabra: CHINA. A chave de África.

Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA