A Xunta aprobará este xoves o decreto definitivo do primeiro Catálogo de Paisaxes de Galicia

O catálogo establece 258 tipos diferentes de paisaxes repartidas nas 211 áreas nas que divide o territorio galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2016 | Actualizada ás 09:04 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta de Galicia aprobará este xoves o decreto definitivo do primeiro Catálogo de Paisaxes de Galicia, unha vez finalizado o proceso de exposición pública. Este directorio recoñecerá ata 258 tipos diferentes de paisaxe nas 211 áreas nas que o catálogo divide Galicia, que abranguen máis de 250.000 hectáreas.

Así o anunciou este mércores o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da xornada 'Diálogo coa paisaxe' na Cidade da Cultura de Santiago, nun acto no que estivo acompañado pola conselleira de Medio e Territorio, Beatriz Mato.

Deste modo, segundo indicou o presidente galego, este catálogo complementará outras iniciativas do ámbito normativo relativas á conservación do territorio como a 'Lei do Solo', o 'Plan de Ordenación do Litoral' ou a 'Guía de cores e materiais'.

O presidente galego resaltou a importancia de recoñecer a "diversidade" da paisaxe de Galicia por ser un "activo inmaterial de incalculable valor", que debe protexerse baseándose no "equilibrio e o diálogo" entre as partes implicadas.

Así mesmo, asegurou que a paisaxe é "un espazo vivo que transmite" o que é Galicia, ademais de ser a súa "maior carta de presentación ao mundo", polo que debe existir un marco normativo para que a construción e a actuación sobre o terriotorio se realice "baixo un criterio".

Por último, para Feijóo, o traballo de protección dos activos naturais "non se pode interromper, con independencia de a quen lle toque desenvolvelo".

"URBANISMO SOSTIBLE"

Antes, Beatriz Mato foi a encargada de abrir a xornada, nunha intervención na que apelou á "conciencia" do importante que é o "coidado da paisaxe e o urbanismo sostible", xa que algunhas rexións "padecen" as consecuencias do "urbanismo descontrolado".

Ademais, sinalou que a protección da natureza galega "non pode ser un freo ao crecemento económico e á creación de emprego", antes de engadir que o novo marco normativo para a protección do territorio situará a Galicia "no mapa".

ESTUDIO SOBRE A RÍA DE AROUSA

Tras a intervención dos responsables do Goberno galego, o arquitecto inglés David Chipperfield foi o primeiro en realizar o seu relatorio, centrado no impacto que tivo o desenvolvemento económico e urbanístico na paisaxe da Ría de Arousa.

Chipperfield, nacido en Londres, pasa as súas vacacións de verán dende hai 25 anos nas Rías Baixas. Xunto a un grupo de estudantes elaborou un estudio que analiza o urbanismo das localidades da Ría de Arousa, en concreto da súa parte norte, a bisbarra do Barbanza.

Así, entre as conclusións extraidas do estudio, o arquitecto inglés resaltou a "baixa calidade" dos edificios durante as décadas dos 60 e os 70, a grande cantidade de edificios inhabitados, a relación dos pobos co mar e a "economía da auga" ou o impacto do tráfico, coa construción de grandes vías de comunicación.

Así mesmo, Chipperfield tamén destacou a "insuficiente" protección que se lle brindou a "edificios históricos" das vilas mariñeiras, sen referirse ás "igrexas" ou outras construcións deste tipo, senón a outras "máis inocentes", ligadas ás realidades concretas destes lugares.

Para o inglés, o futuro debe ser concibido "para a semana que vén, non dentro de 20 anos" e enxalzou o "precioso tesouro" que alberga Galicia na súa paisaxe. "Algúns dos problemas (na paisaxe de Galicia) son irreversibles, outros non", concluíu Chipperfield.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta