OPINIÓN.- Galego, a nosa lingua

 Por Xosé Manuel Barreiro. A defensa do propio non conleva necesariamente, e non debe facelo, de feito, excluir o dos demais. Non se trata de caer, se me premiten a expresión, nunha visión minifundista que nos impida ver o bosque. Dito esto, quixera facer, a raiz do rebumbio que hai ó redor do galego, unha somera reseña histórica por aquilo de que é importante saber de onde vimos para comprender onde estamos...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 10/07/2009

Comparte esta noticia

None

Se os principios do noso galeguismo susténtanse sobre o pacifismo, a tolerancia, o liberalismo e a democracia, é lóxico que a nosa acción política sexa integradora, plural, diversificadora e solidaria. O centrismo do Partido Popular lévanos a entender o diálogo e a negociación como a única vía de entendemento posible.

O Partido Popular foi sempre contrario ás rupturas e defensor a ultranza da integración, que non só respeta a diferencia senón que a destaca. Lonxe por tanto do quebrantamento da unidade, a nosa posición encamíñase á defensa do propio pero evitando menospreciar outras opcións.

Ser galego non é incompatible con ser español ou europeo. Un plantexamento absurdo, dito sexa de paso, nun mundo cada vez máis globalizado. A defensa da identidade de Galicia debe principiar por dar a coñecer e poñer en valor os elementos diferenciadores e definitorios que nos fan únicos: a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa paisaxe… Pero defendelos (insistiuse moito nelo durante a pasada lexislatura do bigoberno PSOE-BNG) non significa impoñelos. Falar galego, insisto, non é incompatible con falar castelán, inglés ou calquer outro idioma.

Por todo o exposto, non é esaxerado concluir que o compromiso galeguista do que sempre fixo honra e gala o Partido Popular de Galicia é irrenunciable. Para min é, de feito, un elemento vital, un principio non só a manter, senón a potenciar.

Engado outra reseña histórica, que parecen que algúns están empeñados en obviar. As principais medidas normativas adoptadas na defensa e regulación do uso do galego (a Lei de normalización e o Plan xeral de normalización) foron auspiciadas por un goberno do Partido Popular presidido por Manuel Fraga e contaron, ademais, co consenso social e coa unanimidade parlamentaria.

O galeguismo e a defensa e promoción do uso do noso idioma son, como non podería ser de outro xeito, piares sobre os que se sustenta o ideario do Partido Popular de Galicia, e que ninguén albergue, insisto, ningunha dúbida sobre elo.

A reiterada e intencionada intoxicación que nas últimas semanas se está a facer sobre o tema son desproporcionadas e están fora de lugar. Rexeito frontalmente esa dicotomía avivada dende algúns ámbitos e sobre todo dende algúns sectores políticos que parecen obrigar a elexir entre o galego ou o castelán, redundando na idea de que a defensa de unha conleva inexcusablemente o rexeitamento da outra.

É éste un plantexamento con trampa. Totalmente alleo, ademais, ó sentimento maioritario da sociedade galega porque o bilingüismo cordial non é unha denominación de novo cruño senón só unha adxetivación da realidade.

Neste contexto penso que hai que redobrar os esforzos para transmitir axeitadamente á sociedade galega o que significa a armonía lingüística que, como xa dixemos, forma parte indisoluble da nosa identidade como galeguistas, e deixar así valeira de contido esa estratexia de polarización que algúns están a alientar. Neste senso, non teño dúbida de que o executivo galego actuará concienzudamente e non escatimará vontade e empeño en escoitar e sobre todo en acadar o maior grao de participación e de consenso sobre unha cuestión que é cousa de todos. A lingua é, ó fin, un dos factores determinantes para definir a identidade dun pobo e, por elo, a unanimidade debe presidir calquera decisión que se adopte a este respecto.

Feito o inciso, retomo a idea da trampa á que nos están a levar neste artificial conflicto do galego. Que alguén a estas alturas pretenda obrigarnos a proclamarnos cervantinos ou rosalianos vén a ser algo así como esa pregunta retórica, malintencionada ou tendenciosa que se lle fai ós cativos: a quen queres máis, a papá ou a mamá?

En fin, penso que todo este rifirrafe é desproporcionado e está fora de lugar e sobre todo de época. Avogo, así, por facer uso do sentido común e impoñer algo de sensatez. Son partidario de voltar a vista, por exemplo, hacia Ramón Piñeiro, defensor a ultranza do galego coma un compoñente cultural diferenciador e propio e sempre partidario de despoxalo de calquer bandeira política, precisamente pola súa dimensión global e aglutinadora que dá sentido ó ser e ó sentirse galego.

Penso que o posicionamento expresado pola Real Academia Galega na véspera da celebración do pasado Día das Letras constitúe un referente a ter en conta de cara á consecución do obxectivo que vimos comentando de acadar un acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do noso idioma.

En definitiva o noso esforzo debe estar encamiñado a lograr o fin último no que todos, independentemente de cal sexa a nosa ideoloxía política, coincidimos: a defensa da nosa lingua como sinal de identidade propio e intransferible.

Xosé Manuel Barreiro é presidente do PP de Lugo e ex vicepresidente da Xunta con Fraga.O seu blog: http://jmbarreiro.blogspot.com/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA