O Instituto Cervantes ampliará a proxección do galego no mundo

A institución e a Xunta asinan un acordo de colaboración para impulsar máis cursos de formación e accións de dinamización da lingua, da literatura e da cultura galegas en distintos países.

Por Galicia Confidencial | Santiago de C0mpostela | 08/09/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Instituto Cervantes, que conta con 76 sedes en todo o mundo, ampliará desde este ano as súas accións de proxección internacional da lingua galega en colaboración coa Xunta de Galicia. Farao en virtude do acordo que asinaron o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o director deste organismo, Víctor García de la Concha. Trátase dunha colaboración que desenvolve e dálle continuidade ao protocolo xeral asinado entre as dúas entidades no ano 2013 en materia de dinamización lingüística e cultural da lingua propia de Galicia a nivel internacional.

Román Rodríguez e Víctor García de la Concha asinaron un convenio de colaboración que impulsará por primeira vez iniciativas lingüísticas e culturais en centros dependentes do organismo co apoio directo da Rede de Centros de Estudos Galegos
Román Rodríguez e Víctor García de la Concha asinaron un convenio de colaboración que impulsará por primeira vez iniciativas lingüísticas e culturais en centros dependentes do organismo co apoio directo da Rede de Centros de Estudos Galegos | Fonte: Xunta.

Segundo detallou o conselleiro Rodríguez no acto de sinatura, “o novo marco de colaboración impulsará de xeito progresivo diferentes iniciativas lingüísticas e culturais —cursos de formación e accións de dinamización da lingua, da literatura e da cultura galegas— en centros dependentes do Instituto Cervantes co apoio da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, a través dos seus lectorados”. “Así, desde este mesmo ano, deseñaranse por primeira vez e poranse en marcha accións nas sedes coas que conta o Cervantes nas cidades de Berlín, Lisboa, Roma, Varsovia, Río de Xaneiro e Sao Paulo, en colaboración con 6 dos 27 lectorados universitarios de lingua, literatura e cultura galegas adscritos a esta rede”, avanzou.

A iniciativa dálle tamén cumprimento ás directrices sinaladas no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004, no seu sector 7 (Proxección exterior da lingua), que apunta entre as súas medidas a colaboración con este instituto como unha oportunidade para o ensino e a aprendizaxe do idioma desde as súas sedes.

CATRO ANOS

O convenio establece unha colaboración entre as dúas partes durante un período de catro anos no marco da cal o Instituto Cervantes programará e realizará, en función da demanda existente, cursos de lingua e/ou cultura galega nos centros dependentes del, así como nas cidades nas que se radiquen lectorados de lingua, cultura e literatura galega dependentes da Rede de Centros de Estudos da Xunta de Galicia. As accións iniciaranse este ano en colaboración cos lectorados universitarios de Berlín, Lisboa, Roma, Varsovia, Río de Xaneiro e Sao Paulo e iranse ampliando progresivamente ao resto.

Ademais, o Cervantes programará e porá en marcha outras actividades de difusión cultural e lingüística, tales como exposicións, ciclos audiovisuais e musicais, iniciativas de posta en valor do patrimonio galego, encontros e outros formatos de actuación con atención preferente á tradición literaria galega. Alén disto, as partes asinantes reforzarán a súa colaboración para promover programas e iniciativas culturais de interese para a súa difusión desde as sedes do Instituto Cervantes, organismo que porá a disposición os espazos necesarios para levar a cabo as iniciativas.

Pola súa banda, a Consellería asumirá as accións formativas, que desenvolverá o profesorado lector dos centros de estudos galegos incluídos na colaboración e asumirá o financiamento das actividades de dinamización lingüística e cultural que se acorden entre as dúas partes. O financiamento anual do convenio correrá a cargo da Administración autonómica, a cal promoverá tamén accións de patrocinio e mecenado -nomeadamente con empresas galegas- que incentiven as accións acordadas nesta colaboración.

REDE DE CENTROS

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia está integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- para o coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia. A esta rede adscribiranse novos centros no vindeiro curso académico: o de Zürich e o de Tokio.

Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A maioría deles —en concreto, 27— vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos responde tamén a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Españolistas dades noxo

Unha institución creada para fomentar o monolingüismo fomentando o galego? Xa imaxino como vai ser de patético.

2 Hermerico

Si, si. A raposa a cuidar das galinhas

1 Gamela

Supoño que non lle pediron permiso a Paco Rodríguez !!! Non hai mellor cousa que unhas boas eleccións para mover ficha !!! Case sería mellor ter eleccións cada ano !!!