Gaña Feijóo, gaña Rajoy

A vitoria do PPdeG en Galicia dálle pulos ao presidente español no panorama político estatal e reforza a Mariano Rajoy. En Marea é a segunda forza política, pero empatada co PSdeG, lonxe das expectativas xeradas. A terceira posición do PSdeG augúralle novos problemas a Xoaquín Fernández Leiceaga e a Pedro Sánchez. O BNG recupera o terreo perdido nas xerais e mantén o grupo parlamentario.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/09/2016 | Actualizada ás 00:19

Comparte esta noticia

Galicia volveu darlle unha terceira maioría absoluta ao PPdeG, mellor dito, a Feijóo, que durante toda a campaña escondeu o logo do seu partido. Unha estratexia que lle deu resultado e que, de paso, lava a imaxe dos populares en España. Porque a vitoria tamén é de Mariano Rajoy.

Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea
Xosé Manuel Beiras arroupa a Luis Villares na súa presentación como candidato de En Marea | Fonte: EP

Feijóo e Rajoy gañaron claramente estes comicios que se presentaron como un plebiscito da política española. E ademais, gañan con claridade, coa única maioría absoluta que teñen agora en todo o Estado. Unha renda cómoda para o presidente da Xunta que mesmo pode pensar, agora, no seu desembarco en Madrid calando aos críticos que aínda ten en Génova.

Feijóo pode presumir en Galicia e en Madrid de ser o único barón popular que foi quen de manter unha maioría absoluta, pero non unha maioría absoluta calquera, senón cimentada en máis votos que hai catro anos e nun contexto de crise e de perda de credibilidade do PP polos numerosos casos de corrupción que o afectaron nos últimos tempos.

Tamén é certo que Feijóo contou en Galicia con axuda extra, a que lle deron os medios públicos e os grandes poderes mediaticos privados, que levan anos mamando do erario público e garantizan, deste xeito, seguir mamando. E, tamén, obviamente, dos erros da oposición, con leas internas continuas nos últimos meses.

Perde a oposición

Gaña Feijóo e perde a oposición. Perdeu o PSdeG e perdeu En Marea. Os dous partidos disputábanse a segunda forza nestes comicios e, nunha batalla moi igualada, o certo é que,  quedan moi por debaixo das expectativas xeradas. 14 deputados non garantizan, a priori, unha boa fortaleza para liderar a oposición.

Ana Pontón, líder do BNG
Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: EP

O PSdeG perde 50.000 votos e catro escanos e, ademais, a segunda forza na Cámara galega. Que sexan os socialistas os que estean por debaixo de En Marea, aínda que só sexa en porcentaxe de votos, complícalle un pouco máis as cousas ao seu candidato. Xoaquin Fernández Leiceaga terá, agora, que lidiar, novamente, cos críticos do seu partido que xa antes da campaña anunciaron que presentarán candidato á Secretaría Xeral, o que abrirá unha nova guerra interna no PSdeG que pode rematar nunha bicefalia.

Pero a quen tamén deixan tocado os resultados das galegas son, especialmente, ao seu líder en Madrid, Pedro Sánchez, ante os baróns autonómicos. Agora, cunha eleccións perdidas e un sorpaso en Galicia, a apertura de negociacións con Podemos pode supoñerlle novos frontes internos.

En Marea é a segunda forza na Cámara galega pero non vai poder presumir dun gran sorpaso ao PSdeG. É certo que, se se comparan os seus resultados cos de AGE, aumentan cinco escanos, pero as expectativas eran outras. Tan só os separan un punto e menos de 20.000 votos cos socialistas.

Esta formación paga os problemas internos que ten Podemos, a pesares de que case todos, en Galicia, quixeron deixar claro que aquí quen manda son os galegos. Sen embargo, esas tensións na formación morada en Madrid e o tempo valioso que se perdeu na elección do cabeza de lista e das candidaturas, tamén polos problemas internos, condicionaron a gran aposta de Luis Villares a quen non lle deu tempo a facerse ver nunha campaña que comezou froxa e acabou in crescendo. Tampouco foron quen de convencer a boa parte do electorado nacionalista aos que só rabuñan pouco máis de 26.000 votos.

O BNG supera a expectativas

Outro que perde é o BNG, pero case nada. Perdeu un escano pero conserva grupo parlamentario. De feito, o Bloque xogaba noutra liga nestes comicios e, abofé, que cumpriu e, con creces, os obxectivos. En parte, pola gran campaña que fixo a súa candidata, Ana Pontón, e pola boa cobertura que algúns medios privados lle dispensaron –moi ao contrario do acontecido noutras citas electorais- . Isto axudou a que os nacionalistas recuperaran a imaxe perdida nos últimos comicios.

O acontecido nas eleccións xerais auguraba unha caída histórica. Algunhas enquisas mesmo apuntaban a perda de todos os seus deputados. E con ese temor xogaba un BNG que, durante a campaña foi quen de trasladar unha mensaxe compacta e de convencer a antigos electores que, antes, caeran nas redes das mareas.

E outro gran perdedor desta noite electoral é Ciudadanos. O partido de Albert Rivera, que agardaba ser a bisagra do PP, quedou a cero. Unha derrota sen paliativos do partido laranxa que debe de buscar responsabilidades, sobre todo, por elixir a unha candidata allea a Galicia e que non acabou de conectar co seu posible electorado, a pesar de que estivo arroupada polos pesos pesados da formación.

Feijóo e Rajoy no mitin peche de campaña das autonómicas
Feijóo e Rajoy no mitin peche de campaña das autonómicas
Feijóo celebrar o resultado electoral canda a súa nai nunha imaxe das súas redes sociais
Feijóo celebrar o resultado electoral canda a súa nai nunha imaxe das súas redes sociais
Xoaquín Fernández Leiceaga con Pedro Sánchez na X Festa do PSdeG
Xoaquín Fernández Leiceaga con Pedro Sánchez na X Festa do PSdeG | Fonte: PSdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 49 comentarios

9 Luís López Losada

Que ben!!!, o BNG desapareceu. Non?, como é posíbel?. E nós os rupturistas?: 408.370 2015 (decembro), 344.143 2016 (xuño) e 268.574 2016 (setembro)...en descenso constante. Onde a República? onde o novo proceso constituínte?, onde o dereito a decidir?, onde un proxecto serio para Galiza? Facenda Pública Galega?....

8 Galegus

Bo, bloqueiros, podemitas y sociatas, podedes relinchar e rebuznar o que queirades, pero xa sabedes: o pobo é quen máis ordena, e o pobo galego quere Partido Popular

1 O Titanic vai

O pobo galego o que quere é que vaiades todos a tomar polo "orto". Con 676.000 votos de dous millóns e medio de votantes e un miserento coarenta e tantos de participación, os coruPPtos só os votan 1 de cada 5 galegos. A meirande parte persoas sen cultura das zoas mais emprobecidas e subvencionadas do País. Os vellos e bandullos agradecidos, mais funcionarios dos medios represivos do estado de sempre, sen actividade no medio productivo con medo a perder a RISGA

2 Xan do Monte

Titanic, ti non és demócrata. Os votos valen todos o mesmo. A min non me gusta, pero o PP sacou máis votos que BNG, PSOE e Mareas xuntos. Sen esquecer que tan válido é o voto dun xubilado, profesional ou pequeno empresario do PP como o dun nini de En Marea ou un liberado da CIG.

7 votante

Gaña o medo o cambio. Mais xa rematará ese medo en canto se forme goberno no estado e veñan novos recortes. ¿A canto ascende xa a débeda pública en Galiza e no estado?.

1 Votonto

A débeda galega é das máis baixas do Estado, é mellor que busques outra excusa: a abuela fuma, o can comeume os deberes, a metade do PSOE está enfrontada coa outra metade, a Marea elixiu de candidato a un descoñecido un mes antes das eleccións, etc etc

6 votante

O BNG gañou as enquisas con unha boa candidata e falando de propostas mentras que outros facian o discurso do medo para movilizar aos seus ou estaban cos seus lios internos. Iso si, con resultados finais das eleccions agardannos catro anos de recortes, desigualdade, privatizacions, emigracion, crise dos nosos sectores economicos, politica linguistica contra a nosa lingua,etc. Lamento decilo mais o pobo galego ten o que vota. Votan por España antes que por unha Galiza con futuro e o final terán España mais a este paso os galegos estaremos todos na emigracion.

1 votante

Iso si, cando veñan mais recortes, privatizacions, impostos, deshaucios... todos os que votaron por que nada cambie e os que se quedaron na casa miraran a esquerda para que defenda os seus intereses no parlamento e na rua. Non se pode ser servil co poder e despois pedir que outros te defendan cando veñen mal dadas.

2 anonimo

A xente estase a dar de conta que o BNG é o unico partido con proxecto propio para Galiza. Para mudar as cousas non basta con boas intencions, fai falla ter un proxecto.

5 Rosalinda del castro

Isto é a identidade galega.... Maliciosos pelexando polas sobras... Fogar de beogan...