A tiranía dos números pequenos

Tense dito que os galegos temos unha cultura politica parroquial. E que o noso reducido tamaño esixe que as decisións importantes se tomen desde fóra. Todo iso é moi relativo.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 04/10/2016

Comparte esta noticia

Hai cousa duns días a prensa madrileña facíase eco dun recente libro dun autor belga, David van Reybrouck, que propoñía que a mellor forma de evitar os bloqueos e impasses á hora de formar goberno, tan propios no seu Estado como o está a ser nestoutro desde hai case un ano, sería recorrer ó sorteo -  coma forma máis democrática e predicible de escoller un goberno neutral perante o tribalismo partidista.

En Portugal, desde o día despois da vitoria na Eurocopa ten habido unha polémica porque varios secretarios de Estado foron á final de París cos gastos pagos por unha grande empresa previamente pública. Cítase coma exemplo de comnivencia estreita entre as elites do pais.

En Galicia, con frecuencia se di que a nosa cultura cívica é de tipo familiar onde priman coma moito os vencellos parroquiais. É  o que os expertos de fóra e os de aquí pontifican coma a razón principal para abolir concellos, porque cunha talla tan pequena non se garante a liberdade de decisión do poder público. (Fernández Albertos,2011) Cunha nova e clara maoría do PP xa saen os pontificatos do outro lado dicindo que nas autonomías son demasiado pequenas e permiten o enquistamento do poder. Por non falar do Coruñesismo, Viguísmo ou a Ourensanía.

Todo o anterior non é incorrecto e en Galicia padecemos de abondo todos estes males, reflexo dunha sociedade con pouco nivel de confianza e cultura cívica - polo que acaba primando a venalidade sanguínea e a pulsión grupal. Nembargantes resulta un relato que concorda sospeitosamente cun discurso minorizante -que xustifica que os galegos esteamos governados por Avogados ou ex Avogados do Estado desde Madrid- coma para que poidamos aceptalo dun xeito acrítico.

Vexamos: Finlandia ou Dinamarca teñen pouca máis poboación que Galicia. Islandia ten tanta xente coma Vigo. E o tamaño non semella ser obstaculo para ter gobernos e politicas públicas exemplares, non patrimonializadas por individuos e grupos. Evidentemente, sairá o erudito a explicar que todo se debe , como dicía o clásico politólogo Max Weber, á ética protestante. Ou a presenza ou non das “élites extractivas” (Acemoglu) ou, por citar outro libro recente, que todo depende da existencia ou non dun estado forte antes da chegada da democracia (Fukuyama). Certamente no caso galego non temos nada do primeiro e moito do segundo. Do terceiro algo si tivemos (ó prezo dunha longa posguerra) e por iso non somos Rumanía, nin outros sitios nos que hai que pagar mordida mesmo na oficina de turismo.

O problema pois de Galicia é o que os economistas e politólogos chamamos un “problema de acción coleciva” , tamén chamado “unha traxedia do mancomún”. Nembargantes non había que ir a Princeton nin a doutorarse en Harvard para porlle nome, a enorme sabedoría galega chámalle a isto “o que é de todos non é de ninguén”.  Ou o que é o mesmo, os individuos/grupos pequenos toman decisións coas que beneficiarse dunha situación que é enteiramente racional nos seus ollos pero que resultan no desastre colectivo: chamémoslle queima de montes, furtivismo no marísco, o non-urbanismo ou esa cultura tan nosa que é a do favor. (R. Requejo, El Poder del Favor. Un estudo de caso da corrupción en Ponteraeas, 2002, a única vez que se fixo unha tese sobre isto na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago e que curiosamente nunca se publicou)  Todo como dicimos concorda moi ben coa nosa erótica colectiva polo fatalismo – que así nos absolve da nosa responsabilidade individual.

O caso é que coma tamén sentenciaría o saber colectivo dos galegos Deus é bo pero o demo non é malo. É dicir a existencia de fortes redes sociais locais ou familiares non é necesariamente mala. No centro e Norte de Italia, zonas que no último século son comparables en desenrolo ás vilas do Mittlestand alemán, repousan no que eles chaman a “conzertazione” e que outro doutor en Harvard (Florida) deu en chamar clusters (eses que agora os IGAPEs do mundo buscan copiar) e que precisan enteiramente nos vencellos próximos o chamado “capital social” (Putnam).

Claro que eses consensos que poden ser máis eficaces có individualismo puro e duro ou a reación directa Estado-cidadán e á larga resultan na esclerose (ver as alambicadas componendas Belgas ou o recente ocaso do Oasis catalán).

Pero por outro lado son unha fonte de fortaleza. Por exemplo agora está de moda que as administracións introduzan centrales de compras. A curto prazo haberá máis competición de grandes empresas de fóra que baixarán os prezos...e en breve cando os anteriores provedores locais, os do favor, xa voltarán a subir a factura. Polo medio perdeuse tecido industrial ou de servizos locais.

A solución non é doada e supón navegar entre os extremos de evitar o clientelismo sen eliminar as redes sociais que se nutriron neles, pois á longa a súa desaparición resulta en perda de capital social ou que facer (resulta obvio que a economía galega non saiu gañando coa perda ou marcha a Madrid do profesional cualificado das caixas e bancos galegos, por moi corruptas que estas foron). Nin vamos fabricar calvinistas nunha lexislatura. Trátase pois de, aceptando ós galegos como son, por mecanismos que ben limiten os maiores riscos cara o interese público e no mellor dos casos introducan incentivos para que o intereés propio conleve a decisións tamén proveitosas para a colectividade. Resulta dificil mais non é imposible. Na próxima columna falaremos como.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA