O galego Álvaro Roura, finalista no concurso internacional de fotografía científica Nikon Small World

O biólogo vigués tomou a imaxe a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, cunha cámara adaptada ao ocular dun microscopio, e mostra con detalle as principais armas do peixe víbora.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/10/2016 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A fotografía 'Viperfish (Chauliodus sloani)', tomada polo biólogo vigués Álvaro Roura Labiaga, foi seleccionada por un xurado de expertos en microscopía e científicos como unha das 100 mellores imaxes do certame internacional Nikon Small World. 

Imaxe dun peixe víbora tomada polo biólogo vigués Álvaro Roura Labiaga
Imaxe dun peixe víbora tomada polo biólogo vigués Álvaro Roura Labiaga | Fonte: Nikon Small World.

Actualmente, esta fotografía ocupa a segunda posición no concurso, pola que se pode votar ata o 25 de outubro nesta ligazón: https://nikonsmallworld.strutta.me/entries/142306. O resultado da votación popular farase público o 26 de outubro, a través de Instagram (@NikonInstruments).

A fotografía foi tomada en 2009, durante unha campaña fronte as costas galegas no marco da tese doutoral de Álvaro Roura, realizada no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), do CSIC.

A fotografía tomouse a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, cunha cámara adaptada ao ocular dun microscopio e mostra con detalle as principais armas do peixe víbora.

"As profundidades mariñas son o ecosistema máis extenso do planeta Terra. Neste reino de escuridade líbranse batallas inusuais onde a luz é, ao mesmo tempo, a principal arma e a mellor defensa. Un dos actores desta batalla lumínica é o peixe víbora (Chauliodus sloani), un feroz depredador das profundidades. Os seus dentes son os máis grandes do reino animal. Con todo, a súa principal arma é o pequeno órgano luminoso de cor azulado situado baixo o seu ollo. Este órgano produce unha luz vermella que é totalmente invisible para as súas presas, xa que ás profundidades nas que vive (100-500 metros) só existe unha tenue luz azul?, explica Álvaro Roura sobre a súa imaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta