Coren ameaza con irse a Portugal se non logra precarizar o traballo en Frigolouro

A filial de procesado, con 500 empregados, é outra empresa do país que pode cruzar a fronteira en busca de menos custes. Neste caso hai unha evidente intención de intimidar aos traballadores galegos que loitan contra a contratación de autónomos. Malia isto, Coren presume do seu compromiso co país.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/11/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Frigolouro, filial de Coren para o procesado de carne, arrastra anos de conflito laboral. De feito, os traballadores da planta do Porriño convocaron mobilizacións este verán para “denunciar o impago de parte da nómina e da extra de xullo”. 

Protesta do persoal de Frigolouro, do grupo Coren
Protesta do persoal de Frigolouro, do grupo Coren | Fonte: CCOO

Este episodio foi o penúltimo dunha serie de protestas contra a “explotación laboral” na planta na que traballan 500 traballadores. Uns 350 son empregados mentres que uns 150 son autónomos da polémica cooperativa Servicarne. 

Nos últimos anos, Frigolouro veu introducindo autónomos a través de cooperativas, que lóxicamente non teñen menos dereitos e implican menos custos. Os asalariados responderon non só con mobilizacións senón tamén levando o asunto aos xulgados.

Onte a empresa amenazou aberta e publicamente con romper a baralla. Nunha nota a filial de Coren salienta que “valora” marchar a Portugal ante a suposta “falta de competividade” no Porriño.

A compañía non oculta o motivo da súa ameaza. Así, mentres destaca o seu “o gran esforzo por manter unha plantilla de traballadores propios que supoñen o 75% do volume dos seus empregados” tamén sinala que “a maioría das grandes empresas cárnicas españolas traballan con persoal 100% procedentes das cooperativas de autónomos”. 

Protesta dos traballadores de Frigolouro diante da delegación da Xunta
Protesta dos traballadores de Frigolouro diante da delegación da Xunta | Fonte: CIG

Ante os supostos “problemas de competivididade da planta”, e malia a tamén presunta aposta de Coren polo “compromiso por Galicia”, “a compañía se ve abocada a esta solución buscando terreos en Portugal ao igual que outras moitas empresas galegas fixeron nestes últimos anos”.  Industrias Frigoríficas del Louro presume de feito da “gran receptividade” que atopou en concellos lusos, que non identifica.

A filial de Coren Frigolouro acumula varios anos de denuncias pola suposta explotación de falsos autónomos. Por exemplo, Comisión Obreiras denunciou en 2014 que a compañía substituía a centos traballadores por falsos autónomos, que cobran en función do que producen e non son empregados de Frigolouro, malia traballar nas instalacións da compañía. 

Os proletarios son en realidade socios da cooperativa catalá Servicarne, que ofrece man de obra barata a multitude de empresas cárnicas. Os sindicatos din que o seu elevadísimo número e dispersión xeográfica fai que, na práctica, non teñan capacidade real de influír no futuro da empresa para a que traballan nin nas súas propias condicións de traballo. 

Servicarne na súa web preséntase como vítima dunha presunta campaña de acoso sindical co suposto fin de botalos do mercado. Noutro apartado da súa páxina, presume de ofrecer os "menores costes directos", "maior flexibidade da produccion" e "unha reducción de tempo en trámites e documentación dos traballadores". Servicarne alega que o seu modelo de negocio é plenamente legal. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Moncho Ponte

Na industria cárnica de Vic (Barcelona) a maioria dos autónomos que traballan nesa cooperativa son de Pakistán, Bangladesh, e doutras áreas de emigrazón, non permiten sindicatos e teñén condiciós de traballo de semi escravitude

2 oquevexo

Estes Señores de Coren,poñen de exemplo na sùa revista,a un granxeiro de 70 anos que en toda a vida,non tivo vacacions.Non digo mais.

1 Desiderio

O modelo Coren, bendicido polo Partido Podre, apoiado polo PsoE, tolerado polo BNG e as Mareas... Todo comezou a cambio da compra de vontades e silencios co encoro de Castrelo de Miño e a familia Franqueira, seguiu cun trato esmoleiro aos labregos na imposición do que chaman "cooperativa" e degradante á natureza e aos animáis, e agora escravista dos operarios... Que se vaian á China e que lles merquen os produtos en Madagascar! E por certo, o Porrino cheira que fede: a Frigolouro atúrase o que non se faría cun pequeno negocio!

1 Fuilco

Se Coren está mal e todo é malo. Pódesme dicir cal é o teu modelo. O dos liberados sindicais da CIG, ou o de Corea do Norte?

2 Parada do Sil

Se o rural de Ourense está totalmente envellecido e desaparecendo, se os fillos de granxeiros aspiran a ser funcionarios..., o modelo de Coren é unha farsa. Se o trato aos traballadores é o denunciado, o modelo de Coren é unha volta ao século XIX. Se as terras de Ourense están contaminadas (as augas do Limia, das máis de Europa), o teu modelo de agroindústria non serve. Sempre podes taparlle o rabo ao capital (gallego bueno), disparar ao vento cos liberados (que hai, por suposto), sen ollar que ti moras nunha porqueira dominada por un monarca bananeiro e presidida por caciques abusadores (pregunta por Ourense). Logo falamos do modelo...