O CSIC explica aos galegos o seu traballo co gallo da Semana da Ciencia

A delegación galega do Consejo Superior de Investigaciones Científicas organiza actividades de divulgación científica en varias localidades do país.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/11/2016 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

A delegación galega do Consejo Superior de Investigaciones Científicas súmase a Semana da Ciencia en Galicia cun programa de actividades que desenvolverá en Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Tomiño ao longo do mes de novembro no marco desta celebración. O programa, que se inicia este sábado, 5 de novembro, desenvolverase durante todo este mes e entre os seus obxectivos está achegar á sociedade algunhas das liñas de investigación que o CSIC desenvolve en Galicia, fomentar as vocacións científicas mediante accións atractivas en formatos novos e aumentar a cultura científica na sociedade.

Instituto de Investigaciones Marinas (IIM) de Vigo
Instituto de Investigaciones Marinas (IIM) de Vigo | Fonte: CSIC.

MISIÓN BIOLÓXICA

As actividades da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) desenvolveranse arredor do concurso escolar de debuxo 'Os legumes', iniciativa para conmemorar a celebración do Ano Internacional dos Legumes 2016. Está organizado pola MBG xunto co Liceo Casino de Pontevedra, a Sociedade de Ciencias de Galicia e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro

O luns 14 de novembro inaugúrase no Liceo Casino de Pontevedra (Rúa Manuel Quiroga, 21) a exposición dos debuxos que optan aos premios. Permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ata o venres 18 de novembro, cando, ás 19.00 horas, terá lugar o acto de entrega dos premios aos galardoados e dos diplomas aos finalistas. Previamente, o xoves 17 de novembro, celebrarase ás 19.30 horas a mesa redonda 'Os legumes: alimento de vida', cuxo obxectivo é poñer en valor a investigación, o valor nutricional e a produción sustentable das leguminosas.

Por outra banda, os días 21, 23 e 25 de novembro o centro ofrece 'Itinerarios de investigación agraria' para o alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. A actividade, que inclúe unha visita guiada aos invernadoiros, laboratorios e leira experimental da MBG, comeza ás 10.00 e conclúe ás 13.30 horas. É gratuíta previa reserva no e-mail rmalvar@mbg.csic.es

Ambas as actividades contan coa colaboración de FECYT-MINECO.

Paralarvas de cefalópodos utilizado polos investigadores do CSIC
Paralarvas de cefalópodos utilizado polos investigadores do CSIC | Fonte: Proxecto Lareco.

INSTITUTO DE INVESTIGACIÓNS MARIÑAS

O 14 de novembro celebraranse as 'Charlas con profesionais da ciencia do IIM', iniciativa pola cal persoal do IInsituto de Investigacións Mariñas acudirá ao IES de Tomiño (Solleiro s/n) de 10.00 a 12.00 horas para dar a coñecer ao alumnado de ESO e Bacharelato a profesión de investigador e mostrar a realidade deste traballo baixo unha perspectiva de xénero.

O 15 de novembro de 10.00 a 12.00 horas o IIM realizará unha visita guiada ás súas instalacións (Ruta Científica Vigo Pesqueiro), para dar a coñecer algunhas das liñas de investigación do centro. Esta actividade desenvolverase no marco do proxecto 'Vigo Pesqueiro', que ten como obxectivo dar apoio á nova tendencia de turismo industrial, neste caso do sector pesqueiro de Vigo.

Os días 16, 17 e 18 de novembro haberá 'Encontros de investigación mariña no IIM' coa colaboración da Unidade de Cultura Científica (UCC) do CSIC en Galicia, cuxo obxectivo é abrir o citado centro a tres colectivos con escasa oferta de actividades de divulgación científica: membros do Centro de Inserción Social Carmen Avendaño, pacientes do Hospital Nicolás Pena e socios da ASPANAEX. Os encontros iniciaranse ás 11.00 e concluirán ás 13.00 horas. Esta actividade conta coa colaboración de FECYT-MINECO.

O 18 de novembro, en 'Seminarios Mes da Ciencia no IIM', José Antonio Vázquez (Grupo de Reciclaxe e Valoración de Residuos) impartirá de 11.00 a 12.00 horas, no salón de actos do centro, un seminario sobre os diferentes procesos que levan a cabo no centro para converter os residuos que xera a industria pesqueira e alimentaria de base mariña nunha fonte de compostos de particular interese en ámbitos como a alimentación acuícola, a nanotecnoloxía, a cosmética, a enxeñería de tecidos ou a nutraceútica.

O centro participará os días 18 e 19 de novembro nas xornadas 'Un mar de ciencia na rúa', unha iniciativa conxunta co Instituto Español de Oceanografía e a Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo que terán lugar na rúa Príncipe de Vigo, de 10.00 a 20.00 horas. O IIM participa cos talleres prácticos 'Mini-estación de peixe cebra e mexillón' e 'Sal de Mesa nos océanos'.

INSTITUTO DE INVESTIGACIÓNS AGROBIOLÓXICAS DE GALICIA 

No IIAG celebraranse os días 7, 9 e 11 de novembro, en horario de mañá nas súas instalacións (Avenida de Vigo, s/n. Campus Vida), a oitava edición de 'Biodiversión', talleres prácticos sobre as liñas de investigación do centro co alumnado de 6º de Primaria dos CEIP Divina Pastora, Mestre Rodríguez Xixirei e Raíña Fabiola. O obxectivo é incentivar o interese científico e fomentar a experimentación a idades temperás, así como promover a concienciación ecolóxica.

Os asistentes participarán, ademais, na VII edición do concurso de debuxo Biodiversión e na VI edición do concurso de relatos Biodiversión. O obxectivo destes certames é que os participantes mostren a través de debuxos e relatos a súa visión da investigación científica e dos coñecementos adquiridos nos talleres.

'Biodiversión' conta coa colaboración de FECYT-MINECO.

UNIDADE DE CULTURA CIENTÍFICA

Os sábados 5 e 26 de novembro celebraranse na Biblioteca e Arquivo de Galicia (Cidade da Cultura) talleres guiados por persoal do CSIC en Galicia en horario de 17.00 a 19.00 horas. Diríxense ao público xeral e son gratuítos previa reserva en http://www.cidadedacultura.gal/gl. O 5 de novembro, o taller versará sobre 'O Ano Internacional dos Legumes' e conta coa colaboración da MBG. O 26 de novembro será sobre unha actividade de arqueoloxía experimental 'Como sobrevivir nunha apocalipse zombi con métodos do paleolítico', coa colaboración do Incipit, o Instituto de Ciencias do Patrimonio.

Por outra banda, o 8 de novembro no CEIP Balaídos (Rúa Pablo Igrexas, 1, Vigo) representarase de 09.00 a 12.30 horas a obra teatral 'Que traballo tan curioso!', guión e idea orixinal da UCC do CSIC en Galicia co asesoramento científico de Marta López Cabo (IIM-CSIC).

O 18 de novembro de 18.00 a 20.00 horas na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel (Rúa Joaquín Yáñez, 6) haberá unha sesión de 'Contos de legumes cun chisco de ciencia', coa colaboración da MBG, e que inclúe experiencias prácticas. Diríxese ao alumnado de Primaria e é gratuíta previa reserva en actividades-biblioteca.vigo@xunta.es. Esta actividade conta coa colaboración de FECYT-MINECO. 

Láminas do Atlas Arqueolóxico da Paisaxe Galega
Láminas do Atlas Arqueolóxico da Paisaxe Galega | Fonte: CSIC Galicia - Xerais.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta