SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2016 | Actualizada ás 08:39 por EUROPA PRESS
A Televisión de Galicia emitirá en directo o discurso de investidura e toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, segundo informou o ente público.
Así, a canle pública fará tres conexións especiais co Parlamento de Galicia esta semana. O martes 8 de novembro retransmitirá, dende as 9,30 horas, o discurso do candidato e, 48 horas despois, o xoves día 10, a réplica da oposición que arrancará sobre as 11,30 horas.
Finalmente, o sábado 12, ás 11,00 horas, a TVG seguirá a toma de posesión do novo presidente durante un programa especial de 'Área Pública' que contará para a ocasión con analistas e expertos.
Dende as 8,00 horas o martes, a Televisión de Galicia fará conexións en directo co Parlamento, onde atopará a xornalista Ana Carpinteiro.
A partir das 9,30 horas comezará a retransmisión en directo do acto, cos comentarios de Xosé Manuel Maseda. Finalizado o debate, os voceiros parlamentarios de todos os grupos farán unha valoración do discurso do candidato á Presidencia.
A sesión retomarase o xoves ás 11,30 horas cos discursos dos voceiros dos grupos parlamentarios e finalizará coa votación nominal e por chamamento de cada deputado. A TVG retransmitirá todo o debate, nesta ocasión cos comentarios de Xesús Fontenla, que previsiblemente finalizará ás 19,00 horas e que contará cun receso á hora de comer, tempo durante o que se emitirán os programas informativos.
TOMA POSESIÓN
Por outro lado, o sábado emitirase dende as 10,50 horas o acto de toma de posesión nun programa especial de Área Pública, que contará con distintos convidados para comentar a sesión.
A continuación, a canle pública fará seguimento en directo do evento posterior que terá lugar na Praza do Obradoiro a partir das 12,30 horas. ÁS 14,30 horas, en redifusión, emitirase o acto de toma de posesión no Parlamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.