Do enredo á definición: a importancia da iniciativa política

Até hai pouco vivimos, no tocante ao futuro das nosas Caixas de Aforros, unha auténtica comedia de enredo. Agás o BNG, cunha opción clara desde o inicio do actual proceso, os demais permanecían nunha indefinición calculada. Parecían contentarse con que o paso do tempo fixese irreversíbel unha opción deseñada fóra, en Madrid, ao gosto do Banco de España, do bipartidismo español, dos directivos de FUNCAS, entre outros. Era un secreto a voces que o futuro de Caixa Galicia se vinculaba a Caixa Madrid e o de Caixa Nova a Caixa Astur e Caixa Murcia. Porén, o presidente da Xunta mantíñase no mutismo, na pasividade, á marxe, pretextando que unicamente o criterio de solvencia e a despolitización debían fundamentar o resultado. O PSOE disimulou mal as súas contradicións. Axiña, por boca de José Blanco, nunha desas visitas de ministro da Corte, sentenciou que a mellor galeguidade se expresa cando saímos fóra. Falando con realismo, cando nos pomos ao servizo de outros...

Por Francisco Rodríguez | Galicia | 09/12/2009

Comparte esta noticia

 

None

Hai un feito elocuente e contundente. A fusión interna non gosta nada a Mafo. Xa chamou discretamente a Raxoi, a quen tampouco gosta. Como non gosta nen a Rato, nen a Montoro, nen a Quintás e a moitos máis dos que andan no choio. Non gosta en Madrid, goberno incluído, que xa se expresou a través do emisario de Palas, antes, e ameaza cunha nova Lei de Caixas estatal, agora. Mais, por que só cabrea desta maneira a hipótese dunha fusión interna galega, mentres son toleradas, e mesmo impulsadas polo Banco de España, as andaluzas, cataláns ou castelán-leonesas? Cavilemos. Galiza non pode nen debe acreditar na súa potencialidade, incluída a que provén do seu aforro. Non debe reaxir en chave nacional. Debe seguir sendo colonia da Corte. É probábel que o PP galego estea a facer un paripé, unha simulación (intentámolo, pero non houbo maneira) para ficar absolto de responsabilidade; é posíbel que acabase por asumir unha fusión interna agora para favorecer a externa máis tarde. Algo comezaremos a detectar nas súas emendas á Lei de Caixas do BNG e no debates conseguintes. Porén, é positivo que, maioritariamente e no plano das ideas, perante fusións inevitábeis, se opte, desde o poder político polas internas como única forma de manter a sede aquí, contar con poder financeiro propio e polo ao servizo da nosa economía. Obxectivamente, unha confrontación coa centralización, a bancarización e a privatización que, á longa, se perseguen. Tamén é unha oportunidade para unha verdadeira democratización. Aproveitémola.

Dispoñámonos para a seguinte fase. Esta primeira xa non foi como eles a tiñan deseñado. O que queda por andar vai estar condicionado tamén pola nosa capacidade política, pola nosa consciencia colectiva. Foi Feixóo quen se tivo que aproximar á posición do BNG, enunciada con clareza, após debate interno non exento de dificultades, desde hai tempo polo noso portavoz Guillerme Vázquez. Seguramente non perseguimos o mesmo obxectivo final. Mais só a fusión interna permitiranos dar as seguintes batallas, práticas, non só ideolóxicas, desde as institucións políticas e desde a sociedade galega a prol da necesidade de contar con entidades de crédito de nós.

Francisco Rodríguez é membro da Executiva do BNG e secretario xeral da UPG. O seu blog aqui.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA