A Universidade de Vigo quere coñecer a realidade do acoso sexual entre a súa comunidade

Unha enquisa preguntará a 1.650 estudantes, 350 PDI e 300 PAS sobre esta cuestión.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/11/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Obter unha radiografía da realidade do acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual na Universidade de Vigo co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos na institución académica. Con estes obxectivos comeza a desenvolverse a vindeira semana un estudo pioneiro, encargado pola Unidade de Igualdade ao Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde, que, entre outras cuestións, abordará a realización dunha enquisa a máis de 2000 membros dos diferentes colectivos que conforman a comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. “O acoso é unha realidade á que non podemos vivir de costas. Isto existe. Polo tanto, hai que traballar para previlo e para combatelo coas estratexias máis eficaces posibles”, destaca a investigadora María Lameiras.

Segundo explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade, a elaboración deste informe, que se realiza coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo e do Tribunal de Garantías, responde á acción 4.3.2 do II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2016/19 de “realizar un estudo sobre violencia e acoso por razón de sexo ou de xénero" nesta institución académica. Coa investigación que se levará a cabo, engade, a Universidade “aposta por enfrontarse a este tipo de violencias e afianza o seu compromiso de tolerancia cero con calquera tipo de acoso baseado no sexo ou xénero, compromiso que xa iniciou coa aprobación do Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo”. No ámbito universitario, advirte a responsable da Unidade de Igualdade, “reprodúcense os mesmos comportamentos que no resto da sociedade, non somos lugares illados, impermeables ás situacións de acoso e violencia”, polo que destaca a pertinencia de levar a cabo esta iniciativa, informa Rosa Tedín no DUVI.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: UVigo.

COÑECER PARA ACTUAR CON EFICACIA

“O acoso sexual, por razón de sexo e orientación sexual é unha realidade da que lamentablemente se fala pouco pero que está moi presente, pois vivimos nunha sociedade sexista, homófoba e discriminatoria e a universidade non deixa de ser parte desa sociedade”, recalca María Lameiras, directora do estudo xunto a Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera. Nas institucións de todo tipo, engade, “falar de acoso é un tema sensible” pois “en xeral non queren falar del porque consideran que facelo réstalles prestixio”. Pero, ao contrario deste pensamento, subliña a profesora, “non hai nada máis prestixioso que deixar claro que este tema lle importa á Universidade e que quere combatelo”. Para combatelo, engaden as investigadoras, primeiro é preciso coñecer a súa realidade, realizando neste caso unha avaliación-diagnose da situación a partir da que poder establecer a folla de ruta que permita deseñar as estratexias de detección, prevención e intervención máis axeitadas. 

Deste xeito, os obxectivos do estudo, explican as súas responsables, son coñecer a situación do acoso sexual e por razón de sexo e de orientación sexual nos tres colectivos da Universidade de Vigo; determinar as súas percepcións e crenzas sobre estes comportamentos; identificar as súas actitudes fronte a eles e determinar o coñecemento, así como a percepción das fortalezas e debilidades, que estes colectivos teñen das normativas, protocolos e recursos dispoñibles neste eido. Froito da investigación, o proxecto tamén inclúe o deseño dun manual de boas prácticas para toda a comunidade universitaria; a elaboración, se procede a partir dos datos obtidos, dun informe con propostas en base ao actual protocolo de acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo e o deseño dunha proposta de estratexias e actuacións temporalizadas a desenvolver cos tres colectivos encamiñadas a súa sensibilización/formación neste tema. 

METODOLOXÍA

Para obter esta diagnose da situación, as investigadoras sinalan que se levará a cabo un estudo cuantitativo con mostras representativas dos tres colectivos da Universidade así como un estudo cualitativo no que se incorporarán tanto as técnicas de grupos de discusión no colectivo de estudantes como entrevistas semiestruturadas no caso do persoal. A vindeira semana comezará a realizarse unha enquisa aleatoria nos diferentes centros e escolas dos tres campus na que se convidará a participar a 1650 estudantes, 350 membros do colectivo de persoal docente e investigar e 300 do de persoal de administración e servizos. O cuestionario será anónimo e confidencial, pedíndose aos centros a súa colaboración na iniciativa e aos participantes que respondan con sinceridade e tendo en conta que “non hai respostas correctas e incorrectas”, que o que interesa é que manifesten o que pensan sobre este tema. 

Na enquisa pregúntaselle aos participantes se algunha vez sufriron na Universidade acoso sexual (que inclúe calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea unha contorna intimidatoria, degradante e/ou ofensiva); acoso por razón de sexo (que inclúe calquera comportamento realizado, de forma continua e sistemática, en función do sexo dunha persoa por ser muller ou pertencer a outros colectivos chamados sexuais minoritarios, como homosexuais, lesbianas, transexuais ou transxénero, que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea unha contorna intimidatoria, degradante e/ou ofensiva) ou agresión sexual (considérase como tal comportamentos que, mediante violencia ou intimidación na súa realización e sen que exista un previo consentimento da vítima, atentan contra a liberdade sexual desta). Na batería de preguntas terán que responder a cuestións diversas, desde se os tocaron algunha vez de forma non desexada ata se foron tratados de forma negativa por non ser “o suficientemente masculino” ou “o suficientemente feminina”. Sobre os resultados, María Lameiras apunta que "non sabemos o que nos vamos a atopar. O que si sabemos, tendo en conta as cifras que se manexan sobre acoso sexual en xeral, é que nos vamos a atopar un número maior de casos do que nos gustaría recoñecer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta