Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/11/2016 | Actualizada ás 13:27
Sete anos despois da histórica folga do sector do metal da provincia de Pontevedra continúa a pingueira de procesos xudiciais a folguistas, Desta volta, os avogados da empresa Electricidad EIP, en mans do daquela presidente da patronal Instaelectra, piden tres anos de cárcere e 3.000 euros de multa a un afiliado da CIG, acusándoo de vulneración do dereito ao traballo, entre outros supostos delictos.
“Estan buscando sentenzas exemplarizantes para tentar disuadir o reagromo da conflitividade obreira nas empresas”, denuncia a CIG que considera que esta é “unha petición desorbitada”, máxime cando se procura aplicar a lexislación máis dura, relacionada cos dereitos fundamentais, “por uns feitos que deberían estar xa prescritos”, sinalando ademais que a propia fiscalía solicita o sobresemento.
A central nacionalista denuncia, asemade, que a acusación incorre en “numerosas contradicións”, xa que durante os supostos feitos denunciados a empresa estaba completamente baleira, negando por tanto que existise ningún tipo de coacción, tal e como defende a patronal.
Coincidindo co xuízo, que comezou este mércores na sala do penal número 1, ducias de solidarios/as concentráronse diante dos edificios xudiciais para expresar o seu apoio ao compañeiro. Entre eles o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, quen avogou pola absolución do traballador, alén de denunciar que a patronal “utiliza a Xustiza como arma contra a acción sindical, mentres que en moi poucas ocasións se senta no banco dos acusados”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.