O Banco de Galicia, un paraíso para 139 especies de peixes de 62 familias diferentes

O biólogo Rafael Bañón analizou os resultados de 22 campañas de investigación realizadas entre 1980 e 2011. A maior parte das especies identificadas son de augas profundas, viven a máis de 400 metros da superficie e son consideradas altamente vulnerables.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/12/2016 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

O biólogo Rafael Bañón acaba de presentar unha tese de doutoramento na que analiza, como non se fixera en ningún outro estudo previo, a composición taxonómica e os aspectos bioxeográficos do conxunto de peixes que habitan no banco de Galicia, unha montaña submarina situada a uns 200 quilómetros aos oeste de cabo Touriñán, con 75 quilómetros de longo e 58 de ancho. A investigación deu como resultado a identificación de 139 especies de peixes mariños de 62 familias diferentes, sendo Trachichthyidae e Moridae as familias mellor representadas, debido á gran abundancia do reloxo mediterráneo Hoplostethus mediterraneus (Trachichthyidae) e Lepidion lepidion (Moridae).

Situación do Banco de Galicia
Situación do Banco de Galicia | Fonte: IEO.

“Como consecuencia das artes de pesca utilizadas e da súa selectividade interespecífica, a fauna bentopeláxica é a mellor representada, se ben a listaxe recolle especies de toda a columna de auga: epipeláxicas, mesopeláxicas, batipeláxicas, batidemersais e bentónicas”, explica Bañón, investigador do Instituto de Investigación Mariñas (CSIC), que fai fincapé en que o coñecemento actual da ictiofauna do banco é o resultado de 22 campañas de investigación realizadas desde 1980 ata 2011, tanto de carácter exploratorio, con barcos de pesca comercial, como de investigación oceanográfico-pesqueira, realizada en buques oceanográficos.

“Aínda que os obxectivos e a metodoloxía de ambos tipos de campaña difiren lixeiramente, o obxectivo final é moi similar, trátase en ambos casos de coñecer a composición dos organismos da zona estudada, así como a súa distribución e abundancia”, explica o autor.

ESPECIES VULNERABLES

A maior parte das especies rexistradas son de augas profunda, viven habitualmente a máis de 400 metros da superficie, e a inmensa maioría, polas súas características biolóxicas e ecolóxicas, son consideradas como altamente vulnerables.

Estas especies presentan, segundo salienta o autor da tese, elevada lonxevidade, crecemento lento, baixa fecundidade, madurez tardía e elevada vulnerabilidade ás actividades humanas e os cambios naturais no ecosistema. “Como consecuencia do carácter costeiro desta zona tamén é notoria a ausencia de endemismos, de maneira que a totalidade de especies rexistradas están presentes en augas do Atlántico europeo”, salienta Bañón.

En canto ao estado de vulnerabilidade de cada unha das especies os resultados son distintos dependendo do criterio empregado. Segundo a listaxe de OSPAR, o convenio sobre protección do medio mariño do Atlántico nordeste asinado en 1992, só cinco especies (3% do total) están consideradas como ameazadas, cifra que sobe a nove (6%) segundo a lista vermella de UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) e a 58 (42%) segundo FishBase, a maior base de datos con información sobre peixes. “Este último está considerado o criterio máis apropiado xa que é o que contén un maior número de información mentres que a listaxe de UICN carece de información sobre moitas especies”, aclara Bañón, que destaca entre as máis ameazadas está o grupo de elasmobranquios (tiburóns, raias, mantas...), con 31 especies, das cales 19 (61%) se atoparían ameazadas segundo FishBase.

ESPAZO PROTEXIDO

“A alta biodiversidade atopada e a importante porcentaxe de especies vulnerables fai moi necesario a protección do banco e ratifica a súa declaración como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) realizada recentemente pola Unión Europea”, salienta o autor da tese, dirixida polo profesor da Universidade de Vigo, Alejandro De Carlos, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía, Alberto Serrano.

Se ben a flota pesqueira artesanal apenas traballaba na zona, debido a que está demasiado lonxe da costa, existiu certa actividade dos buques do arrastre nos fondos sedimentarios do oeste e enmalles e palangres nos substratos rochosos do leste. Lonxe de afectar ao sector pesqueiro, a xuízo dos expertos, a denominación como LIC desta zona será beneficiosa para a flota, xa que, ao ser lugar de exportación de biomasa, provoca a atracción de máis fauna mariña cara a súa contorna.

TIBURÓNS

Este estudo permitiu o descobremento de numerosas especies de peixes descoñecidas non só para Galicia e España, senón incluso para augas europeas. Debido ao seu interese científico, diversos grupos taxonómicos foron obxecto de especial estudo. Este foi o caso dos tiburóns do xénero Apristurus, o que comprende un grupo de patarroxas de augas profundas e ampla distribución.

“Este xénero está considerado como un dos máis diversos e taxonomicamente confusos entre os elasmobranquios, debido á gran cantidade de especies pouco coñecidas e a súa semellanza morfolóxica”, explica Bañón, que apunta que se capturaron 20 exemplares de Apristurus, entre 1.460 y 1.809 metros de profundidade, dos cales 18 foron Apristurus aphyodes, un Apristurus melanoasper e outro Apristurus profundorum e, ata o de agora, “só había descrita outra especie deste xénero en augas españolas, Apristurus laurossonii, nas illas Canarias”.

No caso da familia Halosuridae contén actualmente16 especies de peixes bentónicos ou bentopeláxicos que se atopan en todos os océanos desde os 500 ata os 5000 metros de profundidade. “Atopamos 33 exemplares de cinco especies distintas, entre elas A. oleosa, constituíndo esta un novo límite norte de distribución para o Atlántico oriental”, subliña o investigador nunha información de D. Besadío no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta