Denuncian a “ampliación ilegal” da granxa de visóns da Baña

A Sociedade Galega de Historia Natural solicita á Xunta que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco, responsables da granxa instalada en Troitosende.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/12/2016 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar a "ampliación ilegal" da granxa de visóns instalada en Troitosende (A Baña, A Coruña). A asociación remitiu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrufuras da Xunta de Galicia unha 'Consulta para formulación do informe de impacto ambiental do «Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns» promovido por Matomba Mink Farm'.

Visón americano
Visón americano

A SGHN lembra que "asconsecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-201) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 continúan a sentirse na proliferación de novas granxas ou ampliación das existentes en Galicia", sendo o último caso, polo de agora, a segunda ampliación da granxa en Troitosende.

"A granxa, con permiso para só dúas naves dende 1991, pero que xa contaba con catro alomenos dende 2002-2003, mercouna a empresa Matomba Mink Farm, SL para a que consta como administrador único Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e como apoderada Marta Maria Blanco Vispo (ver recadro abaixo)", recorda a asociación, que considera que "cunha enorme desfachatez 'galaico-holandesa' a empresa Matomba Mink Farm, SL construíu sen permiso sete naves adicionais en 2014 e agora vén de presentar un «Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns»", denuncian dende a asociación.

Este proxecto está suxeito a avaliación de impacto ambiental simplificada, pois está incluído nos supostos contemplados no artigo 7.2.b. da Lei 21/2013 de avaliación ambiental, ao poder afectar de xeito apreciable, directa ou indirectamente, a espazos protexidos da Rede Natura 2000, pois a granxa atópase a tan só 1,3 km do río Tambre, augas arriba da Zona de Especial Conservación ES1110016 Río Tambre.

MÁXIMA SANCIÓN

"Xa que logo, tal como actuaron os promotores cometeron unha falta grave segundo a Lei 21/2013 de avaliación ambiental",  din os expertos da SGHN, que veñen de solicitar á Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco Vispo.

Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña)
Granxa de visóns en Troitosende (A Baña, A Coruña) | Fonte: SGHN.

Dende a SGHN estiman que se trata dunha instalación "perigosa para a biodiversidade", polo que solicita que "se lles impoña a máxima sanción posible por falta grave 240.400 euros" e, ademais, "que se proceda á clausura e precintado inmediatos de todas as naves que carecen dos preceptivos permisos legais".

Por outra banda, os expertos da sociedade galega consideran que "no caso de que os promotores intenten continuar coa tramitación do proxecto", SGHN solicitou xa que se someta a avaliación de impacto ambiental e que o estudo correspondente avalíe "con seriedade e rigor" os efectos sobre todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e nos LICs máis próximos, e que "poderían sufrir a depredación ou a competencia, por visóns fuxidos ou «ceibados»", expoñen.

ESIXENCIAS

Finalmente, no caso de aprobarse o proxecto, se esixe á empresa promotora que "todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun colar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural". Tamén se pide que "todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior" e que a empresa "contrate un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou «liberados» da granxa".

A SGHN tamén advirte de que a "conexión galega" para as granxas de visón americano, Marta María Blanco Vispo, "mantén múltiples e estreitas vinculacións con empresas peleteiras en Galicia": Agapel Pelting SL (apoderada), Blomvis Spain SL (foi apoderada), European Minkfarm Rooijakkers SL (apoderada), Galimink, SL (apoderada), Katmink, SL (apoderada), Matomba Mink Farm, SL (apoderada), Productos y Mixturas para Alimentación Animal SL (Secretaria e Conselleira), Rijo Mink Europe, SL (apoderada).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta