Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2017 | Actualizada ás 14:58
Ante este escenario, a Xunta de Galicia está a recibir críticas dende múltiples sectores sociais e políticos.
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria acaba de publicar unha carta dos médicos de urxencias do CHUS, o hospital de Santiago. Nela os facultativos responden as declaracións do xerente do Hospital Clínico, que os acusou de seguir indo a tomar o café no lugar de esforzarse máis diante da crise. Os médicos alertan dun “problema de xestión” e rexeitan que, como se lle pide dende a Xerencia, teñan que ser máis rápidos no seu traballo.
CARTA COLECTIVA dos médicos de #urxencias do CHUS en resposta ás declaracións públicas do xerente realizadas na cadea SER. pic.twitter.com/P0ReLeqA7p
— AGAMFEC (@Agamfec) 16 xaneiro 2017
Pola súa banda, o sindicato Comisión Obreiras argumenta que os colapsos non son produto da gripe, senón dos recortes. A central recorda que o SERGAS perdeu 1.800 postos de traballo durante a recesión. Moitos dos que conservan o seu emprego teñen que facelo en condicións extremadamente precarias, con contratos por días ou mesmo por unhas poucas horas. Comisións pídelle ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que destitúa dos seus cargos os xerentes que “nin estiveron nin están á altura da situación”.
A nivel político, o PSOE de Santiago lembrou que na Comarca de Compostela permanecen 60 camas de hospital sen usar, pechadas. Paco Reyes, o seu voceiro local, alertou hoxe tamén da “falta de facultativos e persoal de enfermería”.
Os socialistas piden medidas urxentes ante unha situación crítica. Din que houbo un incremento de máis do 30% das persoas atendidas ao día, pasando de 300 a “arredor de 400/500”. Segundo os seus datos, a media de estadía en Urxencias para os composteláns é de 8 horas durante estes días. O 90% deles botan máis de 4 horas antes de ver ao médico. Dos que están tan mal que necesitan hospitalización, só un 10% logra unha cama nas dúas primeiras horas.
A crise tamén tivo eco no Parlamento, que está a debater os orzamentos. O voceiro de En Marea explicou que votarán en contra porque a Xunta prorroga os recortes. Luís Villares denunciou o "colapso das urxencias" e recordoulle ao PP que no SERGAS “negaron medicamentos que necesitaban os doentes de hepatite C”, feito polo que siguen imputados por homicidio varios cargos da Consellería de Sanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.