Cultura do País

Os e as responsables da promoción turística de Galicia unicamente pensan no verao, a época da éxtase, dos visitantes convertidos en números, das cifras, as estatísticas e os pelegríns. O país pensado coma un xeodestino. Estes tecnócratas mesmo denuncian unha sorte de autoxenreira que impide o despegue turístico, como se cita textualmente nese informe firmado por Carmen Pardo encol da Ribeira Sacra. O que non queren saber estes burócratas é que para que haxa turismo de calidade ten que haber cultura de país detrás, unha cultura da que terman orgullosos loitadores anónimos nos cuarteis de inverno. Porque é na invernía onde se mantén acesa a facha da cultura deste país.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 21/02/2017

Comparte esta noticia
Coma tantos outros e outras, teño percorrido Galicia nos últimos anos para participar en actividades sostidas polo voluntarismo de asociación de base, de moi distinta ideoloxía: hainas independenistas lusistas, hai ateneos libertarios, hainas que militan no galeguismo cultural. Malia as diferencias de pensamento, o panorama que me atopo sempre é o mesmo, propio da cultura “underground”. Os acobillos desta resistencia nacional son sempre baixos, sotos, subterráneos, locais emprazados en rúas periféricas, centros sociais alicerzados na reciclaxe e nas doazóns mobiliarias de socios e socias. Improvisadas estufas son as caldeiras onde se queima o combustible da cultura do país. A independencia con respeito ás institucións ten o seu reflexo nestas arquitecturas subalternas da dignidade.
 
O pasado venres estiven nun destes centros clandestinos, o local da asociación cultural “Cultura do País”, en Lugo, co gallo de participar no ciclo de documentais “Enxergando o País”. Este tipo de entidades lembran moito a aquelas Irmandades da Fala, transversais, que daban cabida a cidadáns de toda condición. Aquí participan do proxecto cultural estudantes, profesores de secundaria, electricistas, técnicas de turismo, militantes do fútbol gaélico… Ao día seguinte os socios e socias marchaban de excursión ás terras barrosas de Montalegre, ao xeito das xeiras do Seminario de Estudos Galegos. Neste modesto local do Carril das Hortas lugués non agardan ao verao para facer país, coma eses políticos que hibernan devecendo pola foto estival xacobea. 
 
Para proxectar o documental, pousamos o proxector sobre un feixe de tomos da Enciclopedia Galega Universal da editorial Ir Indo. Galicia como célula de universalidade. Aquel proxecto editorial, herdeiro da Gran Enciclopedia Galega, fóra unha grande aposta a fins da década de 1990 e dera de comer a moitos mozos investigadores daquela. Hoxendía semella un fósil prehistórico na época global e virtual. Toda unha metáfora. A enciclopedia calzando un proxector. Pero así vai indo a cultura do país, coa sociedade civil apoiándose en ímprobos esforzos previos. 
 
Dos cuarteis de inverno de “Cultura do País” pasei o sábado seguinte a outro centro subversivo, a outro verdadeiro museo do pobo galego. Estamos agora no baixo dunha vella casa tradicional de pedra, ao sopé do vello camiño real de Quiroga á Pobra do Brollón, nunha vivenda da aldea d’A Fontenla. Está é a sé de ensaio dun grupo musical popular alcumado “Os Corenta e Chinco Boys”, o rival a bater nos Cantos de Taberna do centro-sur de Lugo e parte de Ourense. A música que sae dos foles das gaitas, do coiro das pandeiretas e das caixas, lubrícase con viño de Vilachá e cachuchas de marrao. Produtos de temporada. Non cómpren subvencións para poder desfrutar do “making off” da verdadeira música tradicional.
 
Malia os temporais, as xeadas e o mal tempo, nestes baixos esparexidos por todo o país é onde se mantén a nosa dignidade cultural nos meses de inverno. E por moito que o tento, non acho por ningures autoxenreira alguna. Pola contra, sucumbo a unha cicloxénese explosiva do orgullo galego.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA