Por Xurxo Salgado | Valga | 27/02/2017 | Actualizada ás 08:00
"Os traballadores que fan rico a Cortizo pasan fame porque cando non hai traballo, mándanos para casa". Así de contundente se amosa Benedicto Blanco, secretario comarcal de Industria da CIG cando fala da situación dos traballadores do grupo de empresas Cortizo. Unha afirmación que chega logo de que un grupo de traballadores deste grupo denunciaran en declaracións a este medio as situacións "escravista" na que traballan.
Tras estas críticas foron moitas as comunicacións que este medio recibiu nas redes sociais confirmando a precariedade laboral denunciada por algúns dos seus traballadores que evitan dar a cara, xa que temen represións. "Están buscando aos que filtraron a noticia", apuntan. Por iso, Blanco, ex traballador do Grupo Cortizo, quixo confirmar a GC esta realidade e acusou directamente desta situación aos encargados do grupo.
"Cortizo é culpable, pero os encargados son os principais abusadores da xente. Mesmo houbo un traballador que tiña a comuñón da filla un sábado e díxolle ao encargado que non podía ir traballar. A contestación foi que, como non fora, mándabano a Polonia", sinala este responsable da CIG.
Así, apunta que a situación laboral é "precaria" e que se produce un "abuso" dos traballadores. "Tan grande que non se dá en ningunha empresa do sector na provincia da Coruña", asegura. "Imaxina cando se traballa 56 horas seguidas á semana e mesmo dobrando turnos. Que seguridade laboral hai para iso?...Parecen os anos 40 cando se traballaba cun lático", destaca.
Críticas a UXT
Blanco tamén acusa directamente ao sindicato UXT de ser responsable do que acontece na empresa xa que todos os membros do Comité de Empresa pertencen a este órgano sindical. "O comité de empresa está posto a dedo por UXT e Cortizo e hai xente que non sabe nin que está no comité. A min tenme aparecido xente aquí pedindo consello que estaba no comité. Non sei se lle paga Cortizo a UXT ou a UXT a Cortizo", critica este responsable sindical da CIG.
De feito, vai máis alá nas súas denuncias e asegura que, as persoas doutros sindicatos que se presentan as eleccións ou a quen se presenta que non sexa dese sindicato pois se lle despide. "Mira ti que nunha ocasión xa quedei sen unha candidatura no camiño de Valga a Santiago", indica. "Chama a de recursos humanos e di que prepara o finiquito".
En relación a este departamento, Blanco di que unha das preguntas que fan é se o traballador está acostumado a traballar baixo presión. "Onde vives e canto tempo che leva ir a comer. E se hai un material que se fixo mal mandan ir pola tarde para recuperar iso. Se se estropea calquera peza, pois descontan do salario e fan ir a traballar para recuperar ese tempo perdido", asegura.
Sobre 1.100 traballadores
No Grupo Aluminios Cortizo traballan de xeito directo case 650 traballadores e outros 400 para a filial FTAC, que está no Polígono da Picusa, en Padrón. En total son sobre 1.100 traballadores, xa que outros 100 son de empresas temporais.
GC púxose en contacto coa empresa en varias ocasións para saber a súa opinión. Sen embargo, fontes autorizadas de Cortizo indicaron que non van dar a súa opinión ao respecto porque non soen comentar este tipo de informacións. Este medio tampouco foi quen, logo de chamar á empresa, de poñerse en contacto con ningún membro do Comité de Empresa para coñecer tamén a súa opinión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.