A Xunta leva programados máis de 11,3 millóns de euros en publicidade no que vai de ano

Dúas novas campañas de creación de emprego e fomento da natalidade suman máis de 2,3 millóns de euros. La Voz e Faro de Vigo foron os máis beneficiados en 2016. El Correo Gallego non recibiu certas axudas públicas. A Xunta obriga aos medios a estar ao día no pago de impostos e que non teñan débedas coa seguridade social.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo acaba de cumprir 100 días de goberno e a súa administración xa convocou, nos dous primeiros meses de ano, varios concursos por valor de máis de 11,3 millóns de euros para repartir entre os grandes medios de comunicación en campañas de publicidade e propaganda institucional a conta dos cartos de todos os galegos. Os últimos concursos son das consellerías de Economía e de Política Social por un valor de máis de 2,3 millóns con IVE.

Hais uns días, o GC xa daba conta de dous contratos da Axencia Turismo de Galicia. Así, un deles busca axencias de comunicación para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2017 por valor de máis de 6,2 millóns de euros con IVE. Por outra banda, destina 400.000 euros con IVE á contratación do servizo “accións de comunicación dixital” da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular.

Previamente, este medio tamén informaba dos 2,2 millóns de euros que a Secretaría Xeral de Medios destinará aos grandes medios a través de dous acordos marcos para realizar distintas campañas publicitarias no 2017 e 2018.

Outros 2,3 millóns

Desta volta son as consellerías de Economía e de Política Social as que tamén convocan concursos públicos para dúas importantes campañas. Así, a primeira busca asignar o contrato de servizo para o desenvolvemento dunha campaña publicitaria centrada no novo modelo industrial e na creación de emprego por un valor de 1.570.000 euros con IVE.

A Consellería de Política Social, pola súa banda, tamén convocou outro concurso para adxudicar a contratación para o servizo de elaboración, produción e plan de medios dunha campaña para o fomento da natalidade durante este ano. En totasl, 770.000 euros con IVE.

Grandes medios

A maior parte destas axudas, unha vez seleccionada a empresa de comunicación que xestionará eses concursos, irá a parar aos grandes grupos mediaticos de Galicia, principalmente, a La Voz de Galicia e Prensa Ibérica, a través, sobre todo da súa cabeceira Faro de Vigo --tamén é propietaria de La Opinión da Coruña--. De feito, o xornal de Santiago Rey levou o pasado ano case a metade das axudas que se lle concederon aos medios. Unha axudas que, por outra banda, xustifican a través dos datos do OJD no caso das edicións en papel.

Quen non parece auditado desde hai tempo no OJD é El Correo Gallego, así como os diarios de editorial La Capital debido a que se venden canda diarios de ámbito estatal (El Mundo e ABC respectivamente).

Sorprende tamén a total ausencia das cabeceiras de Editorial Compostela (a editora de Radio Obradoiro ou El Correo Gallego) nos convenios firmados o pasado ano por distintos órganos da Xunta. E é que un dos requerimentos das axudas públicas é estar ao día do pago dos impostos. El Correo Gallego ten unha importante débeda que leva meses tentando solventar sen que, ata o momento, teña atopado ningunha solución. Isto xa provocou unha importante protesta pública dos seus traballadores tras anos de silencio, promesas imcumpridas, ERE's temporais e seis meses pendentes de soldo, e a pesar dunha carta "case ameazante" do seu director.

Sen embargo, e segundo as fontes consultadas, a Xunta pode outorgar subvencións a medios con problemas financieiros, como é o caso de El Correo, a través doutras liñas de crédito contempladas pola lei. 

Control mediatico da Xunta

O proxecto de I+D+i ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’, xa alertou de que a Xunta utiliza os cartos públicos para “controlar” aos medios de comunicación privados.

"Desde a longa etapa na que Galicia foi gobernada por Manuel Fraga (1990-2005), a práctica de subvencionar aos medios de comunicación foi constante por parte dos distintos executivos autonómicos" e este "modelo de subvencións, axudas ou convenios" funcionou dende entón como "unha forma de garantir o control informativo", recolle o documento. Tanto, que "a gran dependencia económica dos medios galegos dos poderes públicos impide falar de independencia política, aínda que sexa un dos lemas más repetidos nos seus idearios".

Este proxecto, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad, ten como obxectivo fundamental detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España, así como examinar o impacto dos instrumentos de rendición de contas ou media accountability systems en cada unha destas culturas.

Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero
Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero

Portada de El Correo Gallego sobre Feijóo
Portada de El Correo Gallego sobre Feijóo
Unha das campañas de publicidade que a Xunta insertou nos grandes medios de comunicación
Unha das campañas de publicidade que a Xunta insertou nos grandes medios de comunicación
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta