Temas: BIOMASA

A Xunta impulsa a biomasa para aforrar 70 millóns en gasóleo

Quere subvencionar 1.400 caldeiras de biomasa en zonas rurais, empresas e edificios oficiais con catro convocatorias por un montante total de 11,7 millóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta quere impulsar a instalación da biomasa para diminuir o uso de gasóleo. O seu obxectivo é multiplicar por tres a implantación de caldeiras de biomasa e aforrar 70 millóns en combustible.

Pellets de biomasa ardendo
Pellets de biomasa ardendo | Fonte: GC

Por iso, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello deste xoves que subvencionará a instalación de 1.400 novas caldeiras de biomasa, a través de catro convocatorias de axudas cuxo orzamento conxunto supera os 11,7 millóns de euros.

A Xunta estima que, sumando as previsións e este ano cos resultados do tres exercicios anteriores, estas iniciativas permitirán a instalación de 4.000 caldeiras, cunha mobilización dun investimento de 51 millóns de euros e un aforro de 20 millóns de litros de gasóleo ao ano.

Por outra banda, Feijóo aludiu a que Galicia xa conta cunha microeconomía ligada á biomasa. Non en balde, hoxe hai nove plantas abertas --coa previsión doutras nova este ano-- que producen 200.000 toneladas anuais de pellets e achas, e que xeran 100 empregos directos e 200 indirectos.

Ademais, o presidente lembrou que o edificio de San Caetano xa se quenta con biomasa desde o pasado mes de decembro; e tamén que varios centros hospitalarios públicos e varias sedes xudiciais galegas empregan a biomasa.

Axudas

As axudas para a instalación de caldeiras para particulares que residan en zonas rurais --que publica o Diario Oficial-- contarán cunha subvención do 50 por cento da instalación ata un máximo de 50.000 euros. Esta liña primará aos equipos máis eficientes, aos máis económicos e ás solicitudes que proveñan dos municipios con menor nivel de renda, coa previsión dun aforro total de case 600.000 euros ao ano.

A segunda axuda, que se prevé que se publique ao longo deste mes, impulsará a instalación de caldeiras en empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. Como novidade, esta convocatoria aumenta nun 5 por cento a porcentaxe de axuda cando a solicita unha empresa: 70 por cento para a pequena empresa, 60 por cento para a mediana e 50 por cento para a grande.

A terceira liña de axudas destínase á instalación de sistemas de calefacción baseados na biomasa, coñecidos como 'district heating' e cuxa orde se prevé que sexa publicada o mes próximo. Tamén incrementa o cofinanciamento coa mesma intensidade, mentres que a cuarta axuda, para fomentar o uso de enerxías renovables no sector agroalimentario, publicarase igualmente en abril.

Temas: BIOMASA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta