Hai cousa dunhas semanas asistimos ó drama de Vistalegre II onde a chamada “nova política” post partidaria e supostamente transversal certificou a súa volta ás orixes da esquerda unitaria postcomunista, unha nova esquerda unida. No fondo nunca deixou de selo, pois as ideas dos seus país intelectuais Chantal Mouffe e Laclau non deixan de ser unha actualización das teorías da revolta de masas que tanto inspiraron a boa parte da intelectualidade latinoamericana. En todo caso as forzas dominantes do sistema respirarán con tranquilidade, xa que a forza liberada tras o 11-M por fin volve a ser cuantificable nun marco de esquerda e dereita , obviamente destinándoa a facer de pepe grilo do lobo da extrema esquerda.
Mais non deixa de ser un peche en falso da necesaria renovación da esquerda. No Estado coma en Occidente ata os mais fachendosos liberais e parte dos conservadores saben que doutro xeito a deriva cara a extrema dereita será inevitable, nunha nova volta ós anos trinta. Por algo os feudos detrás do gran pulo da Fronte Nacional están nas antigas cuncas obreiras comunistas e socialistas.
Nembargantes os partidos socialdemócratas tradicionais hai tempo que deixaron de representar a unha clase obreira que pasou do proletariado organizado ó precariado aillado, polo que estes partidos, sexa o PSOE ou o SPD, non deixan de ser principalmente vehiculos para os seus cadros e preservación de rendas do sector funcionarial que medrou co Estado de Benestar. Por algo que no partido español a media de idade supera os 55 anos.
Malia ser aínda a segunda forza demoscópica a ameaza de Podemos e afiliados foi domeada. E mellor que así fora: o espectáculo da purga de Vistalegre lembra tanto á política estudiantil (poñamos Complutense ou a súa facultade irmá de Políticas de Compostela) coma as dos bolcheviques e compañía dos que celebramos este ano o centenario. O mesmo có centralismo democrático do que fan gala, moito pluralismo e mestizaxe pero ó final a palabra tena o líder capaz de invocar e interpretar ó pobo informe para construír un (único) país novo. Deixemos de lado outros elementos do cesarismo pop e as leas de amigos, noivas , noivos e demais. Con todos os antigos campistas de plazas en toda a península pendentes do que din e pensan a nova élite de Malasaña ca no que pasa no seu bairro.
Chámaselle populismo a argumentos fáciles de entender cun sentido instrumental: movilizar a unha poboación indignada sabendo que son falsos. Por exemplo, é difícil de crer que profesores universitarios de ciencias sociais non saiban que facer que o Sr Villarejo dea un discurso de 3 minutos en Estrasburgo non supón máis ca facer o ridículo co obxectivo de vendelo nas redes sociais. Os resto de eurodeputados nin se decataron que falara.O pouco que vin a Iglesias no Parlamento en Bruxelas estaba máis pendente do twitter de que facer traballo parlamentario. O mesmo pasa coa maioría de propostas no Congreso: o obxectivo é mobilizar,non cambiar o estado das cousas.
É tamén un movemento contraditorio: gábanse de usar Ryanair sen pensar que esa aeroliña ten baixos custes a base de forzar ós seus empregados a cotizar (en Irlanda) coma autónomos. Ou vestir de Alcampo ou no Zara, empresas que basean parte do seu negocio na pouca ou nula protección social, sobre todo fóra de Europa. De feito no deixa de ser un movemento conservador; na medida que busca recuperar o poder adquisitivo e expectativas laboráis a unha clase media baixa depauperada . Por algo non deixan de apelar ó funcionariado (ese que no noso contexto é de por vida e con “praza en propiedade”) . Ou criticar o tratado con Canadá (sen ver os detalles) cando os mesmos principios rexen para a Unión Europea. Mais tamén a UE se ve desde a perspectiva do proteccionismo.
Alén das invocacións político-festivas á samba de Porto Alegre e á épica Habaneira no fondo teñen pouca empatía co resto do mundo. Niso non se diferencian moito da esquerda tradicional, ocupada na loita de clases en Suecia ou obter dereitos para a clase obreira en Gran Bretaña pero en unión sagrada co capital para mellor explotar ós países colonizados ou simplemente demasiado febles para protexer os seus recursos e desenrolar a súa economía.
E malia isto cómpre que naza unha esquerda que paradóxicamente teña coma discurso central a austeridade. Si, esa palabra tan de dereitas. Cada galego ou europeo en xeral consume o equivalente de tres Planeta Terra. Por moito que avance a economía e a tecnoloxía é imposible que mil millóns de chineses e outro tantos africanos poidan disfutar un nivel de vida coma o que Occidente disfrutou na posguerra. Os recursos son finitos e toca repartir. Igual só comer carne nas ocasións sinaladas. Usar fundamentalente transportes públicos. Vivimos xa nunha época na que é posible dar roupa , comida e saúde básica a toda a humanidade. O sistema de capitalismo global e financiero, se ben conseguiu incrementar o nivel de vida a boa parte do terceiro mundo, moito máis có latifundismo ou o comunismo, é un xeito pouco eficiente de reducir as desigualdades cando os recursos son limitados. Precísase un estado do benestar global.
Temos por outra banda abundantes recursos humanos, polo que non se trata tanto de esixir unha renda mínima universal como de que, en troques, esa man de obra infrautilizada se poña a traballar no coidado ós maiores ou a crianza dos nenos. Coma facían os Kibbutz e outras organizacións non capitalistas no século pasado. Menos falar de círculos e colectivos okupas e máis traballo nas xuntas de freguesía.
Pero claro, esa esquerda necesaria conleva pór deberes, sacrificios e responsabilidades antes que dereitos, reivindicacións e disfrute. Saben que as súas bases, coma en calquera colectivo postmoderno, prima o hedonismo individualista. Polo que en vez de predicar a boa nova no deserto mellor mobilizar ós convencidos con argumentos doados que permitan conquistar o poder. Para eles, isto é o único do que se trata.