Un síntoma chamado Díaz Ferrán

Nas tres últimas décadas ten habido importantes episodios de corrupción no mundo da política.O caso Filesa, os fondos reservados de Vera e Roldán, “Marbella vice”, a operación Gürtel, os “pelotazos” de Santa Coloma...En todos eles, sempre houbo un denominador común:a opinión publicada descualifica –con intensidade diferente en función da adscrición partidaria- aos directamente afectados e solicita rectificacións profundas aos dirixentes das forzas políticas, advertíndolles da desafección que poden sufrir dos seus votantes.Poren, en case todos os casos, a reacción dos electores foi moi benevolente:os niveis de abstención non medraron significativamente e a cativa penalización rexistrada foi directamente proporcional á intensidade da autoubicación na banda esquerda da cartografía electoral.

Por Xesús Veiga | Santiago | 26/12/2009

Comparte esta noticia

A chamada sociedade civil tende a practicar unha dupla moral neste ámbito:demoniza verbal e indiscriminadamente á elite política e non repara nos exemplos pouco edificantes que se rexistran noutras partes do tecido asociativo.Estamos coñecendo, estes días, a outra cara do máximo dirixente da CEOE.O seu comportamento como empresario non se compadece coas prédicas e os códigos de boas prácticas que defenden ritualmente as organizacións corporativas.Mais aínda:o señor Díaz Ferran é o penúltimo exemplo de cómo o liberalismo económico é un traxe compatíbel coa presenza no Consello de Administración dunha politizada Cajamadrid que financia xenerosamente as aventuras empresariais dos seus directivos.

A ratificación da confianza do cumio da CEOE no seu presidente pecha o círculo vicioso no que vive esta elite empresarial.Díaz Ferran terá pouca estatura ética pero é un dos seus e por aí non pasan.O corporativismo ben entendido comeza por un mesmo...

Mentres, o PP quere lavar a imaxe destilada polo caso Gürtel e anuncian códigos de boas prácticas que deberán asinar, entre outros, os cargos que aínda non dimitiron.E para vixiar todo, a figura incorrupta de Romay Beccaría, o padriño político do inesquecíbel alcalde de Teo –Armando Blanco- e de tantos outros que contribuíron a erguer o paraíso da ética política que foron os 16 anos de fraguismo.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.