SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2017 | Actualizada ás 10:46 por EUROPA PRESS
O Servizo de Cardioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago obtivo unha das axudas á investigación Ignacio Larramendi da Fundación Mapfre para desenvolver "un modelo de organización sanitaria para a óptima atención a pacientes con infarto agudo de miocardio".
Segundo informou a Xerencia compostelá, o equipo de investigación formado por Ramiro Trillo Nouche, Ana Belén Cid Álvarez, Rubén Lado Sestayo e Alfredo Redondo Diéguez estudará os determinantes prognósticos de pacientes que ingresan no centro cun infarto agudo de miocardio.
O actual modelo de atención ao infarto de miocardio da área sanitaria de Santiago permitiu, segundo indicaron as mesmas fontes, "alcanzar resultados comparables cos mellores modelos internacionais de atención ao infarto de miocardio".
Os obxectivos do proxecto, ademais de xerar produción científica, será a identificación dos factores clínicos e organizativos que permiten reducir a mortalidade e as complicacións, tanto na fase aguda como a longo prazo, dos pacientes que sofren un infarto de miocardio.
FORMACIÓN PARA PACIENTES
Ademais, o Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) proporá un programa de formación para pacientes, familiares e conxunto dos cidadáns sobre a prevención do infarto, identificación dos síntomas de alarma, como actuar ante eles e como mellorar a calidade e cantidade de vida tras o infarto.
"A colaboración da Fundación Mapfre neste proxecto permitirá continuar avanzando na procura de oportunidades de mellora na atención a pacientes con infarto agudo de miocardio", segundo destaca o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS, José Ramón González-Juanatey.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.