Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/03/2017 | Actualizada ás 08:00
Co obxectivo de identificar actitudes homofóbicas cara os gais e lesbianas en distintos ambientes, un equipo de investigadores realizou un estudo na provincia de Ourense con varios membros deste colectivo cuxos resultados evidencian, por un lado, que "a violencia verbal é a máis frecuente en todos os espazos" e, por outro, que "a discriminación tamén se dá no ámbito gobernamental mediante a negación, a inexistencia de determinados dereitos e o impedimento para acceder a certos servizos", sinalan os autores da investigación.
Máis concretamente, os investigadores puideron comprobar que dentro do ámbito gobernamental danse dúas circunstancias: por unha banda, a falta de dereitos ou o seu non recoñecemento, e, por outro, a negación ou non ter acceso a determinados servizos aos que si teñen dereito outros cidadáns. Así, os participantes gais e lesbianas no estudo destacaron estas circunstancias: "Non temos os mesmos dereitos que un heterosexual", "A violencia de xénero non se ten en conta entre parellas do mesmo sexo, e se chamas, non teñen en conta o teu caso", "Dificúltasenos o acceso a determinados sitios ou espazos" ou "Non hai plataforma nin teléfono ao que acudir".
O estudo —titulado 'Percepción de la homofobia y lesbofobia por parte de una muestra de gays y lesbianas de la provincia de Ourense' e publicado en Psicología y Salud, revista do Instituto de Investigaciones Psicológicas da Universidad Veracruzana (México)— evidencia non só a existencia de discriminación no que se refire ás administracións públicas senón tamén a existencia da homofobia e a lesbofobia nos ambientes escolar, laboral, familiar, social e no propio espazo interior de gais e lesbianas.
Os resultados da enquisa realizada a membros do colectivo de gais e lesbianas indican que o ámbito social (52.08%) é onde se dá máis discriminación. Así mesmo, obsérvase que no resto dos grupos ou ámbitos as referencias á homofobia e lesbofobia representan un 22.92% no escolar, 10.42% no familiar, 9.37% no laboral e 5.2% noutros (ámbito interiorizado e gobernamental).
Respecto dos tipos ou manifestacións máis comúns de homofobia e lesbofobia en cada ámbito, foron a violencia verbal e a violencia emocional as máis reportadas. Con todo, en case todos os niveis se manifestou a existencia de violencia física, o illamento e outros aspectos vinculados aos roles de xénero.
A investigación tamén pon de manifesto as repercusións que teñen o temor aos ataques homófobos e a homofobia intereriorizada no comportamento de gais e lesbianas, especialmente no referente a desvelar a orientación sexual ou a demostrar afecto en público (sobre todo entre as lesbianas) por medo aos ataques homófobos, o cal, sinala o estudo, afecta á calidade de vida deste colectivo.
Finalmente, cabe destacar que, comparando a percepción que teñen gais e lesbianas sobre estas actitudes, obsérvase que as lesbianas reportan sufrir maiores niveis de homofobia no ámbito social, laboral e familiar, mentres que os gais indican unha maior violencia no ámbito escolar.
Os autores do estudo son Luis Manuel Rodríguez Otero, Sandra Elizabet Mancinas Espinoza e Ana Beatriz Carrera Aguilar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.