Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2017 | Actualizada ás 14:00
A Xunta quere converter a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), actualmente dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no gran centro de execución das principais obras públicas da Administración autonómica. Un ente que funcionaría como a gran construtora pública de Galicia para facer, ademais das infraestruturas viarias, os equipamentos sanitarios ou educativos do Goberno galego.
E, para iso, o goberno galego acaba de autorizar renovar a estrutura orgánica da AXI. O novo decreto reforza este organismo na súa vertente técnica e de contratación, de modo que se especialice neses eidos. A Axencia Galega de Infraestruturas contará coa colaboración da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, que se encargará das labores transversais de apoio xurídico, en materia de xestión de persoal, ou de desenvolvemento normativo.
Cambios na estrutura interna deste organismo
Para o reforzo da estrutura da AXI créanse dous novos servizos, un deles o de contratación, para darlle resposta ao incremento da carga de traballo derivada da asunción de novas funcións en materia de edificación e axilizar a tramitación de expedientes contractuais.
O outro será o Servizo de Obra de Edificación, que terá o obxectivo de levar a cabo o seguimento e control da execución das obras de edificación encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas. Este organismo dependerá da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.
Pero por que quere agora a Xunta potenciar as competencias desta gran axencia de contratación de obra pública?. “O que queremos é especializarnos pouco a pouco en obra pública”, dixo este xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. De feito, o seu executivo xa comezou esta lexislatura querendo facer da AXI un órgano especializado na contratación e execución de obras promovidas pola Administración autonómica, máis alá das propias en materia de estradas de titularidade autonómica.
De feito, a Axencia Galega de Infraestruturas xa iniciou na pasada lexislatura as súas grandes primeiras encomendas, neste caso, por parte da Consellería de Sanidade. Así, foi a encargada de levar a cabo os accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, xa finalizados; ou da construción de centros de saúde como o de Ares, cuxos traballos comezaron esta semana; ou de Gondomar, coas actuacións xa licitadas.
Axencia estratéxica na realización de obra pública
Unha vez convertida a Axencia Galega de Infraestruturas no órgano da Administración autonómica especializado na execución de obras máis alá das propias de estradas, a Xunta quere que realice máis de 20 actuacións estratéxicas nesta lexislatura. O volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros.
As actuacións con maior volume serán as relativas á construción de centros de saúde promovidos polo Sergas, continuando cos xa licitados de Gondomar ou Ares, cuxas obras veñen de comezar; e a ampliación do Hospital da Costa en Burela.
O eido da mobilidade tamén será obxectivo do traballo da AXI, sobre todo, as estacións intermodais das cidades galegas, derivadas dos proxectos que agora están en redacción. A AXI tamén prevé entre as súas liñas de actuacións a desenvolver aquelas infraestruturas de carácter educativo ou social promovidas polo Executivo autonómico.
Ademais destas novas competencias, a Axencia Galega de Infraestruturas continuará a desenvolver o seu labor de xestión e mellora da Rede autonómica de estradas, na cal se enmarcan actuacións sobre a rede de altas prestacións como, por exemplo, a autovía do Morrazo, o Plan de sendas de Galicia; o Plan de reforzos de firme ou a conservación e mantemento da vialidade invernal da rede.
Esta reestruturación realízase sen que supoña custo adicional para o Goberno galego, reorganizando e reasignando as prazas necesarias do xeito máis adecuado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.