Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/04/2017 | Actualizada ás 14:22
As pemes galegas dan prevalencia ás páxinas web fronte as redes sociais para a súa presenza na Internet: tres de cada catro (74%) teñen web propia, mentres que só a metade (50%) está presente en redes sociais. Doutra banda, o blogue é o recurso 2.0 menos utilizado polas pemes, xa que só unha de cada dez (10%) recorre á súa utilización. Son datos do estudo 'Presencia 2.0 de las pymes gallegas: niveles de participación y engagement con los usuarios', publicado no último número de Revista Latina de Comunicación Social polos investigadores José Sixto García, Nicolás Aguado Domínguez e Reyes Riveiro Castro, da Universidade de Santiago.
As conclusións apuntan, no caso das pemes con presenza en redes sociais, á supremacía de Facebook como rede de uso maioritario, se ben se observa máis unha presenza testemuñal e de posicionamento SEO ca un espazo para a comunicación e o diálogo, polo que "os niveis de engagement son pobres e reducidos a casos puntuais, nunca unha tendencia xeneralizada", aportan os autores do estudo.
Das pemes con páxina web, o 36,49% utilízana de maneira exclusiva, aínda que a maioría (51%) aposta por combinar esta presenza online co uso de redes sociais. Só unha minoría (13,51%) combina a participación en web, redes sociais e blogue.
Facebook é, con diferenza, a rede social máis utilizada polas pemes galegas (90% do conxunto e 46% das que teñen en web). Isto quere dicir, segundo os autores, que existe unha tendencia xeneralizada a substituir os sitios web polas presenzas en Facebook, aínda que esa directriz non se confirma no caso das entidades que optaron por contar cun sitio web corporativo. A Facebook séguenlle en redes máis utilizadas, por orde de preferencia, Twitter (27%), LinkedIn (14%), Google+ (14%) e Instagram (12%).
Da investigación despréndese, ademais, que as empresas que usan as redes sociais non se limitan exclusivamente a unha plataforma, senón que compaxinan o uso simultáneo de varias redes. Así, un 24% usa dúas redes sociais distintas, un 14% opta por tres redes, un 10% combina o uso de catro redes e as pemes que utilizan máis de catro redes representan o 18% do total.
As páxinas de Facebook son as máis seguidas polos usuarios, a súa frecuencia de actualización é maior que no resto de redes e presentan os maiores niveis de interacción activa (67%) entre organización-públicos, sinalan os investigadores no seu estudo.
En global, a frecuencia de actualización das pemes con contas en redes sociais é baixa e, ás veces, inexistente (o 41,51% leva máis dun mes sen actualizar e o 4,72% das contas nunca se utilizou). Un 35,85% das pemes sitúase por baixo das catro actualizacións por semana e só un 17,92% actualiza o contido das súas redes máis de catro veces por semana.
A procura do compromiso a través da toma da palabra (frecuencia de actualización superior a catro veces por semana) reflíctese, sobre todo, en Twitter (25,93%), Facebook (19,51%) e Instagram (16,66%). Porén, LinkedIn e Google+ son as redes que menos se actualizan: un 58,33% leva máis dun mes sen actualizar en LinkedIn e un 57,14% sen facelo en Google+.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.