Por Lage Tuñas | Serra de Outes | 02/03/2010
A miña proposta (PSdeG) saiu adiante co apoio dos grupos parlamentarios do PP e do BNG despois dun intenso debate e a correspondente negociación para alcanzar o seguinte acordo:
“O Parlamento de Galicia acorda:
1.- A creación dunha Ponencia durante o actual período de sesións no seo da Comisión 1ª (Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior), e previos trámites parlamentarios pertinentes, para o estudo da situación actual dos medios públicos de comunicación de Galicia e a elaboración dunha Proposición de Lei para a modificación do marco legal polo que se rexe na actualidade a CRTVG e as súas sociedades.
2.- Incorporar, na dita Proposición de Lei e como parte dos puntos da reforma do marco legal polo que se rexe na actualidade a CRTVG e as súas sociedades, a elección dun novo director/directora xeral da Compañía por maioría de 2/3 da Cámara lexislativa galega, por un período máximo de cinco anos, non renovable en máis de dous mandatos”.
O Partido Popular propoñía inicialmente unha emenda que supoñía unha mera declaración de intencións que retrasaba ao final da lexislatura a reforma dos medios públicos de comunicación pero finalmente aceptou a proposta que lles fixen dende a tribuna do parlamento consistente en que a creación da ponencia parlamentaria se fixera durante o actual período de sesións, o que fai que na práctica, antes de que remate o mes de xuño, teñan que comezar os traballos da ponencia parlamentaria.
Na miña intervención na sesión plenaria fixen un chamamento para “construír conxuntamente un gran acordo por riba dos intereses partidarios” e deste modo “finalizar co modelo de medios públicos dependentes do goberno de turno e finiquitar a televisión do partido” a través duns órganos directivos “que gocen de independencia e non sexan reféns do partido que ocupa o poder na Xunta de Galicia”.
Entendo que é unha boa contribución á calidade do sistema democrático a “renuncia dos partidos políticos a ter o mando a distancia” da televisión ou radio públicas e avanzar cara un modelo de medios plural e profesional “modificando a cultura política actual no que se refire á relación entre o poder e os medios”.
A reforma da CRTVG terá que levar consigo a mellora das condicións laborais e a estabilidade dos profesionais da CRTVG, e de igual xeito fixen mención á necesidade de creación do Consello Audiovisual de Galicia xunto a aprobación dunha nova Lei do Audiovisual de Galicia durante o ano 2010.
Manifesteime partidario de introducir limitacións á publicidade porqu penso que temos que ser capaces de construír uns medios públicos con calidade e onde se preserve a misión de servizo público.
Estamos diante dun paso importante na mellora da calidade democráctica do noso sistema institucional, pero só é un primeiro paso que terá que vir acompañado de máis decisións que contribuian a fortalecer a participación cidadá nos asuntos públicos.