Por Lage Tuñas | Serra de Outes | 21/01/2011
En moitos países da Unión Europea con forte tradición democrática xa forma parte dos uses e costumes dos representantes públicos dende fai moitos anos. Tamén en España se está facendo dende fai un par de anos, tanto por parte do Goberno de España como das Comunidades Autónomas deAndalucía, Extremadura e Castela-Mancha.
Onte mesmo dabamos a coñecer unha proposta para Galicia, para que os altos cargos do Goberno da Xunta de Galicia sexan transparentes e se fagan públicos os intereses, as rendas, actividades e patrimonio do Presidente da Xunta, de conselleiros/as, directores/as xerais, secretarios/as xerais, etc.
O Sr. Núñez Feijóo leva xa casi dous anos como presidente da Xunta de Galicia e non ten impulsado unha soa medida en relación coa ética e a transparencia na relación entre a política e a cidadanía. A única normativa existente en Galicia é a que se impulsou e aprobou no ano 2006 baixo o goberno do socialista Emilio Pérez Touriño.
Considero fundamental incrementar a transparencia na relación entre os representantes públicos (altos cargos da Xunta, parlamentari@s, etc) e a cidadanía, para mellorar a calidade da democracia no actual sistema político.
A nómina que podedes ver nesta entrada do blog está composta de diferentes conceptos recollidos nun acordo da Mesa do parlamento do ano 2006 (foi a primeira medida de transparencia tomada na historia do parlamento de Galicia, e permitiu poñer orden na situación económica existente na cámara lexislativa).
Para axudarvos a coñecer o significado dos conceptos fago as seguintes aclaracións recollidas no citado acordo da Mesa do Parlamento do 15 de marzo de 2006:
Asignación fixa
Trátase do salario base que percibimos os deputados e deputadas pola tarefa que desenvolvemos na cámara lexislativa como representantes dos cidadáns.
Axuda de custo fixa
Contía mensual fixa para afrontar os gastos de aloxamento e manutención que orixine a actividade parlamentaria.
Gastos de representación
Asignación económica que se lle asigna aos deputados/as que son portavoces dunha área, secretarios/as, vicepresidentes/as ou presidentes/as dunha comisión.
Locomoción fixa
É a asignación de gastos de kilometraxe (dende o seu lugar de residencia habitual) para a asistencia a catro reunións mensuais do grupo parlamentario ao que pertence cada deputado/a.
Locomoción
O Parlamento inclúe na nómina os gastos de desprazamento do/a deputado/a dende o seu domicilio habitual á sede do Parlamento (pazo do Hórreo, 61 Santiago de Compostela) SÓ OS DÍAS QUE TEN SESIÓNS PLENARIAS OU DE COMISIÓN.
Tódolos deputados recibimos ao comezo de cada mes unha comunicación cos datos persoais de asistencia ao parlamento para manifestar si son correctos ou si pola contra hai erros.
Desconto Quilometraxe
Este epígrafe só aparece na nómina do/a deputado/a pola utilización do transporte público, concretamente o tren. Dado que o Parlamento asigna automáticamente o quilometraxe aos deputados/as que asisten ás comisións e/ou plenos, a posteriori practica unha retención ou desconto nos días nos que o deputado optou polo transporte público (RENFE) e non polo vehículo privado.
Retención do IRPF
Aquí aparece reflexada a retención mensual do noso salario, en concepto de Imposto da Renda sobre as Persoas Físicas.
A nómina pódese descargar aquí