A CORUÑA | 17/04/2017 | Actualizada ás 18:48 por EUROPA PRESS
Os investigadores Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez incorporaranse á Universidade da Coruña dentro do programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex, segundo informaron o reitor, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.
Ambos foron seleccionados por unha comisión de expertos dun total de 122 solicitudes procedentes de 21 países de Europa, Asia, África e América para participar nesta primeira convocatoria do programa InTalent.
En rolda de prensa, o reitor agradeceu á empresa Inditex o seu apoio a este programa. Tamén destacou o curriculum "brillante" dos seleccionados. Así mesmo, explicou que no caso de Elena Pazos, natural de Marín (Pontevedra), trátase dun retorno á Comunidade galega na que se formou.
Actualmente, atopábase no Centro Tecnolóxico de Química de Cataluña. O seu traballo estará enfocado no desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina.
No caso de José Antonio Cortés, natural de Sevilla e licenciado en Ciencias Ambientais, ademais de doutor en Antropoloxía Social, as súas investigacións céntranse en análises da relación que os seres humanos manteñen co medio desde o punto de vista da cultura e a ecoloxía política.
APOIO Á INVESTIGACIÓN
Sobre esta convocatoria, Abalde lamentou que só se puidesen seleccionar dous investigadores. "A calidade das solicitudes di o nivel dos investigadores que temos e indica unha ausencia de canles para dar unha carreira investigadora estable", remarca.
Mentres, os seleccionados agradeceron o apoio á investigación a través dun programa que busca captar e reter a excelencia investigadora en Galicia.
Creado pola Universidade da Coruña en 2016, conta con financiamento de Inditex por un importe total de 1.450.000 euros para contratar a seis investigadores, que se incorporarán de dous en dous nos anos 2017, 2018 e 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.