Por gcdeportes | Vigo | 04/05/2017 | Actualizada ás 23:57
Ficha técnica
RC Celta 0: Sergio Álvarez; Hugo Mallo (Beauvue, 91'), Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass (Jozabed, 74'); Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti.
Manchester United 1: Sergio Romero; Valencia, Eric Bailly, Blind, Darmian; Ánder Herrera, Fellaini, Pogba; Lingard, Mkhitaryan (Young, 78'; Smalling, 89') e Rashford (Martial, 80').
Gol: 0-1: Marcus Rashford (minuto 66').
Árbitro: Sergei Karasev (Rusia). Amarelas a Hugo Mallo (65') no Celta e a Fellaini (33') no United.
Incidencias: partido de ida das semifinais da Europa League no estadio municipal de Balaídos ante 26.202 espectadores, entre eles 1.300 afeccionados de Manchester.
“Imos pelexar ata o final”, avisa Sergio Álvarez. Deberá recorrer a épica o Celta se quere clasificarse para a súa primeira final europea, o 24 de maio en Estocolmo. Os celestes caeron 0-1 en Balaídos cun Manchester United máis pragmático, que marcou cando mellor estaban os do Toto Berizzo: Marcus Rashford de falta no minuto 66. De aí ata o final, o oficio do equipo de José Mourinho, con continuas perdas de balón, impediu a reacción celeste. Nesta Europa League, o Celta xa sabe o que é remontar un 0-1 a domicilio: 0-2 tras prórroga fronte ao Shakhtar Donetsk. A volta decisiva, o vindeiro xoves en Old Trafford. “Que este resultado non nos afaste da nosa ambición”, apela o Toto Berizzo.
Foi mellor o United na primeira parte, impedindo coa súa presión o habitual xogo do Celta, que sen combinacións viuse obrigado a xogar balóns longos sobre Guidetti. Aínda así, a primeira ocasión foi celeste, tras un saque de banda no minuto 10, un centro de Radoja que rematou fóra coa testa Daniel Wass, só na área pequena. Pero cada perda de balón dos vigueses, coa rapidez de Pogba e Rashford, supuña perigo para a meta de Sergio Álvarez, que evitou o gol cunha gran estirada a tiro de Rashford.
O Celta probou sen éxito con tiros lonxanos de Wass e Pione Sisto, pero a rapidez dos red devils metía o medo no corpo aos celestes. Mkhitaryan case chegou ao remate na área pequena a un centro dende a esquerda e Sergio Álvarez evitou de novo o gol visitante nun man a man con Mkhitaryan, que chegou só tras unha asistencia de Pogba. E unha terceira parada decisiva do meta de Catoira, no man a man con Lingard. Pione Sisto tentouno unha e outra vez pola esquerda, pero Iago Aspas apenas apareceu.
O Celta deu un paso adiante trala reanudación, mellorou na súa presión e recuperou posesión, pero foi infrutuosa. Un centro de Wass para o remate coa testa de Aspas foi a primeira ocasión. E a mellor, unha xogada individual polo centro de Jonny, que pasou a Pione Sisto, que lanzou, petou nun defensa e a piques estivo de marcar en parábola: despexou a córner Romero. Rashford avisou cunha rápida contra pero rematou desviado. Cando mellor estaban os celestes, falta de Hugo Mallo no bordo da área: disparo directo de Rashford polo pau de Sergio, que non puido deter o lanzamento. Entrou Jozabed por un canso Daniel Wass, pero case marcou Lingard o 0-2. O equipo de Mourinho tirou de oficio para impedir que o Celta collese ritmo, e o partido foi achegándose ao final sen apenas ocasións claras do Celta. Berizzo fixo o segundo troco xa no tempo engadido, Beauvue por Hugo Mallo, pero o francés apenas tivo tempo para tocar a pelota.
Os celestes apelan aos datos recentes desta Europa League para crer na remontada: 1-1 co Genk e 0-2 con Shakhtar e Krasnodar. A cita decisiva, o vindeiro xoves en Old Trafford. Tralo primeiro asalto para o UInited, o Celta necesita outra volta unha fazaña en campo contrario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.