E coma Grecia, os demais

Leo no New York Times - na máis absoluta incredulidade - que o Servizo Civil en Grecia representa case un de cada tres traballos.

Por Xoán Vázquez | New Yersey, EE.UU. | 08/05/2010

Comparte esta noticia

Pauso. Non dou creto do que leo e  regreso ao principio do artigo. E non, non hai dúbida, é o que di: un de cada tres.  De novo pauso, e penso: haberá alguén neste mundo que non vexa o esperpento? Aínda os máis afíns aos barbudos abrazos con cheiro a tabaco caribeño han recoñecer que esta é unha porcentaxe tan irresponsable que desborda tódolos límites da mesmísima obscenidade. Todos sabemos que ningunha sociedade precisa dun de cada tres adultos para coidar dos asuntos públicos; cando for  así xa sabemos que estamos perante unha sociedade pouco ou nada viable. Agora tamén sabemos a onde leva tanta  irresponsabilidade. No mesmo xornal leo que que os raigaños do nepotismo e da endogamia en Grecia son tan profundos que entre dúas familias (dúas…) repártense o poder do Estado, que o fraude fiscal é rampante. Que o país está, tamén, en bancarrota moral.

Se Grecia estiver na ruína por subvencionar iniciativas empresariais, cooperativas do agro, da pesca, proxectos industriais innovadores, e, sobre todo, iniciativas empresariais para a mocidade, e despois de todo iso as cousas non foran ben, só nos quedaba dicir “tiñan que intentalo, fixeron o que tiñan que facer”. Pero non, non foi así. Todo o que leo no que concirne á desfeita grega resúltame moi, pero moi familiar. Éme imposible fuxir do paralelo entre Grecia e a nosa entrañable  Ourense:  Elevemos o modelo baltariano, caciquil, perverso e hedonista, a todo un Estado, e  o demais non é tan difícil de adiviñar.   

No das iniciativas empresariais todos sabemos que non hai garantías - aínda cando estas a nós viñer ancoradas aos máis altos principios cívicos e nutridas polos máis sólidos e veraces argumentos económicos -,  pero se de cada cinto proxectos un prende, un, é unha empresa viable máis que ten o país, unha fonte de emprego riqueza e sabenza, e aínda tamén tres ou catro mozos menos mexando as súas frustracións nas rúas e vomitando as súas amarguras nas alamedas: todos somos un pouco máis cando un do de Nós se reintegra aos vieiros da normalidade. Mais os países non prosperan subvencionando endogamias, nepotismos e egolatrías disparatadas de bicéfalas dinastías agachadas detrás do selo republicano; e aínda moito menos escorregando polas lameiras do hedonismo da mentira e do engano. Un de cada tres non ten –non pode ter- outra explicación. E se alguén lla atopa, mellor que non a  divulgue; non ande o demo no medio e vaiamos emular modelos que levan ao mesmísimo inferno.  Grecia ten que fuxir da cultura das subvencións equivocadas. De non ser así, a miseria é inevitable. E coma Grecia, os demais.

Segundo o devandito xornal, inspectores de Facenda, non conformes con que só 324 residencias da area máis podente de Atenas marcaran o apartado na declaración de impostos onde se admite ter piscina, encargaron tomar fotos por satélite; non lle sorprendeu nada atopar  16.974, e cren que non as contaron todas. A diferenza non é marxinal. Non sei canto contribúe o ter piscina ás arcas do Estado, probablemente moi pouco, se cadra nada, mais no ético e moral os danos son inconmensurables. Continua o artigo falando das mil maneiras diferentes que a sociedade grega emprega para desprezar ao seu propio Estado; ou sexa, a eles mesmos. Abonde con dicir que segundo as autoridades gregas o fraude fiscal cústalle ao país uns 23 mil millóns de euros cada ano. Sendo fidedigna esa información – publicada polo propio goberno de Grecia - como nos poden sorprender as reticencias alemanas a cargarlle aos seus contribuíntes unha responsabilidade que os propios gregos non queren asumir?

Que fácil é o discurso cando o limitamos ás lerias e prédicas que a parroquia quere oír. Tan fácil coma inútil. Tan inútil coma falso. Tan falso coma condescendente.  Tan condescendente coma insidioso e destructivo. Mais chegado o momento da verdade,  alén de tódalas prédicas e falsidades, por máis cualificadas e adornadas, quede claro, cadaquén ha  vivir dentro dos seus medios ou afogar no fango das súas propias miserias.  Nós tamén.  Por máis  gritos de solidariedade, os máis deles banais e frívolos, velaí a realidade, sempre firme e ineludible.  Grecia non escapa – nin debe - desta sen mirarse moi  detalladamente no espello das súas propias ineficiencias. Velaí tamén a oportunidade de que a forza dos feitos e a crúa realidade, por fin, finen coas  frivolidades, para así permitir que os alicerces  do futuro senten na dignidade.   Mais como a cadaquén lle arden as súas feridas, a min o que máis me sabañoa é pensar que o noso día poida estar a piques de chegar: a un  20% do de Nós xa non  lle han baixen o soldo, nin un céntimo; non  teñen soldo que lle baixar.
Uns buscan solucións, outros escusas; uns valentía e solidariedade, outros engano na contabilidade.  Infundamos na cidadanía un claro sentido dos dereitos e deberes do contribuínte: o deber de declarar con honradez – o privilexio de contribuír -; o dereito a reclamar o uso correcto, veraz e austero de cada euro contribuído.  E infundamos tamén na cidadanía un claro sentido de solidariedade  e da responsabilidade; un todos estamos a bordo do mesmo barco. Fuxamos do discurso simplista, insultante e irresponsable,  porque se o barco afunde os que afogamos somos nós.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/