Por Xurxo Ayán | Santiago | 07/05/2010
Moitos dos xudeus da Coroa de Aragón remataron en Salónica, e de aquí aos crematorios nazis, moito tempo despois. Os Valentis quedaron a rentes do Mar Xónico, na illa de Kefalonia. Catrocentos anos despois, en 1893, naceu Dimitris. Con dazaseis anos marchou a Abisinia, asentándose no bordo do altiplano etípe, no occidente do país, na rexión de Dembidollo, onde outros compatriotas levaban anos comerciando co café (nome que provén da rexión veciña de Kaffa) que polo río Baro abaixo era enviado a Sudán e Europa. En Dembidollo aínda se conservan as casas destes comerciantes que mantiveron a súa lingua e os seus costumes no Corno de África. Dimitris acadou montar un notable negocio de exportación de café e importación de sal e de la. Casou cunha muller oroma, chamada Agamti, e chegou a considerarse un etíope máis. Incluso preferiu que os fillos non se criasen unicamente con outros gregos e xa de pequenos enviounos a estudar a Addis Ababa.
Cando estivemos en Dembidollo escoitamos falar dunha vella fábrica de xabrón que pertenceu a un grego. Alá fomos co inspector local. Nunha paisaxe verde e ondulada que recorda a certas zonas montesías galegas, cruzamos un regato e deixamos o jeep á beira do camiño que leva ao vello edificio. Unha canle desviaba a auga á factoría para mover os trebellos mecánicos, do mesmo xeito cás nosas ferrerías do Courel. De feito, o emprazamento da construción évos moi semellante, medio agochada entre mesto arborado. O edificio feito en boa cachotería e con tellado metálico amosaba o porte dunha estrutura moderna, rechamante neste contexto da Oromía Occidental. Como arqueólogos do pasado contemporáneo, comezamos a fixarnos en certos detalles de maquinaria en uso e abandonada. Decatámonos de que houbera un grande investimento tecnolóxico a comezos da década de 1950: unhas turbinas da casa Gilbert Gilkes and Gordon de London (1951), un trebello hidráulico da casa grega Makris de Jartum, da mesma época, unha prensa de aceite estadounidense de Tennessee, un tractor dos anos 60 comesto do fungo e do verdín. Un vaiado pechaba o solar no que un fillo de Dimitris construíu unha segunda residencia, unha choupana típica das vilas de estrada da zona. Un vello falounos do fillo, Ñoño, e indicounos as ruínas da casa que construíra Dimitris onde se criara toda a familia. Ao carón do meandro dun regato, entre bambú e arborado, alí remanecían os alicerces dunha casa grega, mediterránea, con porche e galería, en plena Etiopía.
Dimitri levantou un pequeno imperio que lle foi arrebatado polos italianos fascistas. Seica, e isto é verdade, o grego apoiou economicamente á guerrilla patriota e chegou a ter encontros na fábrica de xabrón cun líder local, Olika Dingil. Apresado polos italianos, que despois invadirían Grecia, remaneceu no cárcere con outros membros da colonia grega até a liberación de Abisinia en 1941. Aínda que fora condanado a morte, se lle conmutara a pena por catro anos de cadea. Trala victoria, o emperador, o negus Haile Selassie, concedéralle unha medalla pero el negouse a ir recollela a Addis Ababa, porque non lle interesaban os políticos e o Poder. Seica defendeu a causa porque el se consideraba a si mesmo abisinio. Coa paz, foi quen de erguer de novo o seu imperio económico do que a factoría de xabrón era unicamente a punta do iceberg. Tiña negocios en Gambella, Illubabor e Wöllega. Até a súa morte en 1974 unicamente voltou a Grecia en dúas ocasións: unha para operarse dun ollo e outra para casar a súa irmá a quen dotou cunha fermosa casa na illa de Kefalonia. Non custa nada maxinar ao maduro Dimitris actuando coma un indiano nunha aldea galega a comezos do século XX. Pero el, como diciamos, considerábase abisinio. Contra o final da súa vida, voltou perder os seus negocios, co gallo da expropiación e nacionalización fomentada polo goberno comunista do Därg instaurado poucos meses antes do seu falecemento. Foi naqueles tempos cando a colonia grega de Etiopía comezou a retornar a casa ou a esparexirse, novamente, polo mundo.
Este residente ausente, o grego que ergueu dúas veces o seu imperio, está soterrado en Addis Ababa, onde aínda hoxe se conserva a fermosa igrexa ortodoxa grega. Os seus fillos viven todos en Londres, e gozan da nacionalidade grega concedida polo goberno heleno a tódolos descendentes destes pioneiros comerciantes. Só un fillo reside en Dembidollo, o tal Ñono. Así lle chaman os oromo, pero en realidade chámase Dionisos. Tralo seu divorcio deixou Addis Ababa e, coma un actor que recrea o último acto dunha traxedia grega, retornou á paisaxe da súa infancia, ao Macondo familiar, a revivir modestamemnte o soño do seu pai, na vella fábrica de xabrón, agora reconvertida en muíño para fariñar teff, sorgo e millo. Ñoño lembra a fábrica de xabrón na súa época de esplendor. Os ingredientes empregandos era aceite vexetal local de nuk, traído de Aira Gulisso, graxa de vacún de Gambella e sosa caústica importada de Europa en bocois de 300 kg. Ñono conserva aínda 5 selos para as pastillas de xabrón. Nun deles veñen as iniciais do pai: D.P.V. Dimitris Polibios Valentis, o sefardita que nun curruncho de África protagonizou a primeira globalización da man do capitalismo mundial, o mesmo contra o que hoxe berra desesperanzada a xuventude grega nas rúas de Atenas.