Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2017 | Actualizada ás 17:51
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chegou encantado da súa viaxe a China. Tanto, que non tivo reparos en eloxiar ao Partido Comunista chinés tras manter un encontro co seu viceministro e tamén con directivos de grandes empresas chinesas.
Por iso, e a pesar das críticas do PP a sistemas comunistas ou próximos ao comunismo doutros países –nomeadamente Cuba e Venezuela-- e a formacións políticas que vinculan a este partido, como Podemos ou as mareas , Feijóo non tivo ningún problema para asegurar que o Partido Comunista de China “non só é un interlocutor válido, senón óptimo”. Así, lembrou que o PC chinés é o encargado das relacións coa UE e tamén co Estado español.
“Temos relación co Partido Comunista chinés porque é o que xestiona China e ten boa relación coa UE e xa dixo que ía cumprir os pactos de emisión con UE. Ademais tamén mantén moi boas relacións con España”, asegurou tras ser preguntado por GC.
Neste sentido, Feijóo suliñou que na súa recente visita a ese país mantivo un encontro co viceministro do Partido Comunista de China, co vicealcalde de Shangai, “unha cidade de máis de 22 millóns de persoas”, dixo, e tamén con teleoperadores para vender Galicia como destino turístico.
Reunións empresariais
Esas reunións foron a nivel institucional. Pero das que máis presumiu foron das reunións co sector empresarial. Así, Feijóo dixo que, tanto el como empresarios galegos, mantiveron encontros con representantes da segunda plataforma de comercio electrónico do país, Digicom, e coa primeira distribuidora agroalimentaria chinesa para tentar vender os produtos galegos nese país.
Tamén destacou os encontros coa xigante enerxética Citic, que mercou Censa no Porriño e coa Cámara de Comercio, Tecnoloxía e Maquinaria de China. “Representantes destas dúas entidades visitarán Galicia próximamente”, dixo. Ademais mantivo encontros con directivos de Shangai Fisheries, que mercou a galega Albo, “e cuxa facturación representa o PIB galego multiplicado por tres”, suliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.