O Campus Terra impulsa o desenvolvemento sustentable da Serra do Xistral

O programa que impulsa a Universidade de Santiago, en colaboración coa da Coruña, busca facer máis rendible esta área de montaña con accións agrogandeiras e forestais. O proxecto é liderado pola Deputación de Lugo e ten dous millóns de financiamento no marco do proxecto Life in Common Land.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 28/06/2017 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) impulsa o desenvolvemento sustentable da Serra do Xistral no marco do proxecto europeo Life in Common Land, unha iniciativa liderada pola Deputación Provincial de Lugo e na que tamén participan como socios colaboradores investigadores da Escola Politécnica Superior de Lugo, así como da Universidade da Coruña, e que conta cun financiamento de arredor de dous millóns de euros, informa a USC.

Eólicos na serra do Xistral
Eólicos na serra do Xistral | Fonte: USC.

O proxecto Life Natureza ‘Xestión en común da terra, un modelo sustentable de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación’, cuxa candidatura foi desenvolvida, a petición da Deputación Provincial de Lugo, pola spin-off da USC 3edata, contará, logo da súa recente aprobación, con 2 millóns de euros de orzamento. A UE achegará o 75% desta contía, mentres que a Deputación de Lugo, que aprobou unha partida de 200.000 euros, USC e UDC, aportarán o 25% do financiamento restante.

O obxectivo principal do Life in Common Land é a mellora do estado de conservación das Turbeiras e Queirogais, apoiándose na xestión veciñal do monte e grazas á colaboración dos propietarios de montes veciñais en man común localizados nos concellos do norte da provincia de Lugo de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro. Estes dous hábitats son considerados como prioritarios para a conservación no contexto da Unión Europea, co valor engadido de sustentar unha actividade económica centrada na gandería.

O ámbito de actuación do proxecto inclúe montes que contan con territorio na Zona Especial de Conservación Serra do Xistral, pertencente á Rede Natura 2000. Os traballos e actuacións programadas nesta zona e que se desenvolverán durante os próximos cinco anos, teñen carácter demostrativo, ademais dun marcado compoñente social, segundo indicou o profesor na Escola Politécnica Superior e coordinador da USC neste Life Natureza, Ramón Díaz Varela, quen tamén é o director de operacións con RPAS da USC.

As distintas accións previstas tratan de poñer en práctica novas metodoloxías, ademais de aplicar tecnoloxías de aeronaves tripuladas de forma remota (drons) para tarefas de avaliación e seguimento, a fin de facer compatible a conservación e o aproveitamento dos hábitats. Para acadar estes obxectivos desenvolveranse novos proxectos de ordenación de montes, ao tempo que se ensaiarán novas formas de pagos por conservación aos gandeiros. Estas retribucións estarán baseadas nos resultados da xestión dos recursos naturais, unha acción que se traducirá en beneficios económicos directos para as comunidades de montes e en prestacións ambientais, para o conxunto da sociedade.

As actuacións directas previstas neste Life Natureza son diversas, aínda que cómpre destacar os xa citados pagos compensatorios pola aplicación de modelos de xestión e resultados de conservación, a aplicación de esquemas de xestión gandeira (carga de gando e rexeneración de pastos), mellora de vías e infraestruturas, restauración de hábitats, capacitación e participación de axentes implicados e accións orientadas a mellorar a sustentabilidade da cabana cabalar.

Outra das novidades do Life In Common Land vén dada pola súa forte compoñente social, xa que é a primeira vez que un proxecto destas características se desenvolve na súa totalidade en terreos privados de xestión comunal, unha ducia de montes veciñais, nos que se concentran a maior parte das turbeiras de cobertor do continente europeo. Os propietarios destas terras comunais amosaron o seu interese no proxecto dende o mesmo momento no que a idea foi presentada ante a Comisión Europea, participando no proceso da candidatura LIFE. Doutra banda, este proxecto constitúe un respaldo aos comuneiros, xa que recoñece e valora ou se traballo como produtores agro-gandeiros e como axentes esencias na conservación da natureza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta