Por Walter Burns | | 16/08/2010 | Actualizada ás 01:10
En pleno agosto vaise producir unha nova serie de adxudicacións da Xunta a Tecnoloxías Plexus, unha consultora dirixida por un ex-alto cargo dos Gobernos de Manuel Fraga.
O contrato máis importante é o de “rede wi-fi para os centros de ensinanzas non universitarias dependentes da consellería de educación”. A empresa facturará máis de 899.000 tras gañar este concurso da Consellería de Educación.
Tamén a Consellería de Educación encargaralle o “servizo de atención e soporte en centros aos usuarios de sistemas e servizos baseados en tecnoloxías da información” por máis de 306.000 euros.
Ademais Plexus acaba de gañar, segundo publicará o DOG nas próximas datas, o concurso para a “subministración e instalación e equipamentos microinformáticos para as bilbiotecas pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia”. A empresa facturará máis de 130.000 euros por este servizo.
Tamén no DOG aparacerá proximamente co “contrato de servizo consistente no apoio ás tarefas de mantemento microinformático para a Consellería de Economía” por máis de 181.000 euros.
Reforma da web do Xacobeo
Tecnoloxías Plexus xa levaba polo menos un millón en adxudicacións da Xunta do PP. Agora suma máis de 2,5 millóns de euros, incluídos a polémica reforma da web do Xacobeo, que se publicou parcialmente antes de ser adxudicada, polémica que cheogu ao Parlamento de Galicia.
Segundo información do Rexistro Mercantil, Antonio Agrasar Cascallar, é presidente de GRUPO PLEXUS TECH S.L. , que a súa vez aparece como adiministrador de Tecnoloxías Plexus e doutras empresas do grupo.
Consello de Contas
Antonio Agrasar ocupou importantes responsabilidades co anterior Goberno conservador. Así, foi asesor tanto na CRTVG como na Consellería de Cultura de Xesús Pérez Varela. Entre a cúpula de Plexus estivo José María Sánchez, que foi secretario xeral con Pérez Varela. Outra das compañías na que participou Agrasar, Bretema Consulting, foi sinalada polo Consello de Contas como beneficiaria de posibles irregularidades en contratos, como denunciara La Opinión.
Oposición e Goberno
Esta serie de datos xa levaron ao BNG a denunciar trato de favor do PPdeG. A denuncia nacionalista foi na lexislatura pasada, durante a Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura. Nesta lexislatura, e tras a serie de informacións de Galicia Confidencial e doutros medios sobre o éxito de Plexus nos concursos da Xunta do PP, foi o PSOE quen criticou as adxudicacións.
O Goberno xa negou calquer trato de favor e lembrou que Plexus tamén gañou numerosos contratos da Vicepresidencia do anterior Goberno. A través da secretaría xeral de Comunicación o Executivo atacou as “acusacións infundadas non poden nin van a condicionar o futuro das empregas galegas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.