Axuda envelenada

Hai xa case unha década, ao pouco de que o furacán Mitch arrasara boa parte de Centroamérica fun convidado a un programa da TVG da primeira hora da tarde.

Por Emilio Martinez | Vigo | 03/09/2010

Comparte esta noticia

No plató reuníronnos a varios representantes de ONGD, como o Comité de Solidariedade con América Latina, Solidariedade Galega, eu mesmo como presidente da Coordinadora Galega de ONGD e unha persoa representando a unha organización de corte social, adicada ao auxilio de persoas con dificultades económicas nos arredores de Vigo. Nun momento do coloquio fun inquerido moi agresivamente pola representante desta entidade con acusacións de que as “ONGD só estades interesadas nos cartos”. Cando conseguimos que a señora explicara o que quería decir ilustrounos cun feito que lle acontecerá á súa entidade. A xunta directiva desta, vendo as imáxenes dos damnificados polo paso do Mitch, homes, mulleres e nenos que ian descalzos tivo a idea de comenzar unha colecta para mercar calzado. Co que recadaron e coa xenerosidade de distintas zapaterías xuntaron uns 300 pares de zapatos. E con estes zapados foron a distintas entidades que traballaban en paliar o desastre para que aceptaran o donativo e o fixeran chegar a aquelas persoas necesitadas en Nicaragua, O Salvador ou Guatemala. Abraiados recibiran, contábamos a que era presidenta da entidade, negativas varias, e todas do mesmo teor: enviar zapatos custa moito diñeiro, se queren facer unha aportación o mellor é diñeiro… De pouco valeron as explicacións que se lle tentaron dar, de que aquelas ONGD, entre as que estaban algunhas das mais reputadas no eido da axuda humanitaria, actuaran correctamente, xa que é certo que enviar bens, cun océano polo medio, é caro, pero ademais ninguén pode garantir que se acerte coas necesidades que as victimas do Mitch precisaban enfrontar. Os argumentos multiplicábanse: posiblemente o calzado apropiado en Galicia non fora o mais apropiado para os climas de países tropicais, que de necesitar calzado o mellor era mercalo nos propios países… Ao final a todos aqueles argumentos a señora respondeu coa frase lapidaria do principio: “As ONGD todas sodes iguales, só queredes os cartos”. Esto é una anécdota, pero una anécdota que poderíamos repetir ata cansarnos, e eso sen sair de Galicia, desde aquel comboio organizado por un dos gobernos de Fraga para enviar axuda humanitaria, e un cruceiro de pedra, a Albania, a proposta de envio de conservas en base a porco a países de poboación musulmana, as toneladas de leite en pó esquecidas en almacéns, envíos cuxo custo supera en moito o valor do enviado, que non sempre é o necesitado nas zonas de destino…

As ONG para o Desenvolvemento veñen facendo desde hai anos un grande esforzo en mellorar a calidade do seu traballo, exemplos deste esforzo son proxectos como “Esfera” encamiñado a mellorar as accións humanitarias sobre o terreo, ou o “Código de Conducta das ONG para o Desenvolvemento”. A nivel gubernamental a “Declaración de París sobre a Eficacia da Axuda ao Desenvolvemento”, asinada, en 2005, por mais de 90 países e a Unión Europea foi un paso importante no camiño de mellorar as intervencións a prol do desenvolvemento dos países menos avanzados,contando coa súa imprescindible participación e compromiso.

O debate xurdido arredor da pertinencia de accións como as carabanas solidarias, logo do secuestro, e posterior liberación, dos membros de Barcelona Acción Solidaria en Mauritania ben a convertir en público un debate que ata o momento se mantiña circunscrito ao interior das ONGD e aos departamentos gubernamentais adicados á promoción da cooperación ao desenvolvemento e a axuda humanitaria.

É un debate moi interesante, e desde logo moi acaido, e que será moi positivo se contribue a erradicar prácticas que está demostrado que no mellor dos casos son intrascendentes no que se refire á súa contribución ao desenvolvemento dos pobos ou que, desgraciadamente, en moitos outros casos, son totalmente contraproducentes e só contribuen a perpetuar a pobreza e a incrementar a dependencia. O caso das donacións é posiblemente un dos asuntos mais controvertidos. A maioria dos estudos cuestionan estas prácticas, salvo cando se realizan nunhas condicións moi determinadas: catástrofes, solicitude de gobernos ou entidades dos países afectados, cumprimento de determinados estándares de calidade… De facerse doutro xeito posiblemente o que se consiga sexa un efecto negativo na forma de destrucción das economías locais ou convertir os países en vías de desenvolvemento en vertedorio dos “residuos” das economías occidentais, efectos que teñen producido as doacións de excedentes agrícolas, que non só empobrecen aos agricultores locais senon que impoñen formas de consumo alleas, ou os donativos de roupa usada, que significan a destrucción das industrias propias, ou os envíos de productos farmacéuticos caducados…

No mundo da cooperación e a axuda humanitaria as intervencións deben estar presididas pola reflexión e o coñecemento dos países nos que se pretende intervir e das formas nas que esta intervención se debe efectuar. As boas intencións non chegan. As boas intencións sen a formación adecuada poden convertirse nun agasallo envelenado. A cooperación ao desenvolvemento e a axuda humanitaria precisa de profesionais con formación, coñecemento e experiencia. E cando falamos de profesionais non só nos referimos a persoas asalariadas, tamén os voluntarios e voluntarias poden, e o fan, traballar de forma profesional. A axuda internacional é algo mais complexa do que as veces algunhas persoas ben intencionadas supoñen. Abundan hoxe en día iniciativas personais que crean unha asociación “de cooperación ao desenvolvemento” logo dunha viaxe a algún país en vías de desenvolvemento, na maioría dos casos sen ningún coñecemento sobre as estructuras do país, sen contacto coas entidades sociais, e con proxectos e actividades que fan palidecer de vergonza allea a calquera persoa con algo de experiencia. Non son eses os camiños, moitas veces apoiados dende institucións públicas, que contribuirán a erradicar a pobreza nos países do Sur.

Hai formas de actuar que tal vez mereza a pena erradicar, en aras a unha cooperación eficaz, a unha verdadeira solidariedade, feita desde o coñecemento, o respecto e a responsabilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.