Salvemos Cabana advirte que o proxecto eólico Mouriños podería “causar problemas de saúde”

A plataforma habilitou un documento en liña para que "todo o que estea interesado" poida engadir "alegacións xenéricas" ao plan de Gas Natural Fenosa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2017 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A plataforma Salvemos Cabana considera que o proxecto eólico Mouriños, que se atopa baixo o plan de Gas Natural Fenosa na Serra do Gontón --Cabanas (A Coruña)--, podería "causar problemas de saúde" nas zonas próximas aos aeroxeradores.

A Serra do Gontón, en Cabana
A Serra do Gontón, en Cabana | Fonte: Salvemos Cabana.

A asociación presentou este domingo, segundo anunciou a través dunha nota de prensa, un conxunto de alegacións ao proxecto, ao que se opoñen porque entenden que supón un perigo para a saúde ademais de poñer en risco a conservación da paisaxe e da biodiversidade. Ademais, puxeron a disposición de "todas aquelas persoas interesadas" un documento cunha serie "alegacións xenéricas" --dispoñible para descarga na dirección web 'ir.gl/alega'--, que pode entregarse en calquera rexistro público ata o vindeiro 17 de agosto.

En canto ás "alegacións técnicas" presentadas polo colectivo, este referiuse primeiro a unha cuestión de saúde. Segundo explicou, "confirmouse que o ruído e as vibracións procedentes dos aeroxeradores poderían estar detrás dun aumento de problemas de saúde en zonas habitadas próximas aos parques eólicos".

No escrito, Salvemos Cabana fai referencia á doutora Nina Piermont, quen publicou en 2006 un estudo no que recoñece a 'Síndrome do aeroxerador', unha afección derivada da exposición ao ruído provocada polas turbinas.

E é que, como alertan, "a distancia das vivendas máis próximas é de escasamente un quilómetro".

A PAISAXE E A BIODIVERSIDADE

Ademais das cuestións referiridas á saúde, a plataforma aduciu razóns paisaxísticas e de conservación para oporse ao proxecto. Nos motivos recóllese, primeiro, que "a instalación de aeroxeradores de grandes dimensións tería efectos negativos e perdurables para a imaxe da Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte".

No documento afirman que "prexudicaría gravemente a actividade turística sustentable, que nos últimos anos experimentou un notable desenvolvemento e está a ser unha fonte de xeración de emprego".

Por último, opinaron acerca das cuestións relativas á biodiversidade: "Instalar un proxecto destas características nunha zona de corredor migratorio é un completo sinsentido, máis cando non se avaliou nin os niveis de biodiversidade preexistentes nin as posibles consecuencias sobre hábitats e especies afectados".

CONSELLERÍA DE SANIDADE

A entidade denunciou no mesmo comunicado "a aparente innacción" da Dirección Xeral de Saúde Pública e manifestou que "solicitará no mes de setembro que inste á Consellería de Sanidade a realizar un estudo independente e detallado".

Ademais, referiuse ao "crecente número de estudos científicos internacionais non financiados pola industria que están a alertar dos efectos perniciosos en persoas que viven demasiado preto dos aeroxeradores dos proxectos eólicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta