Por Galicia Confidencial | O Porriño | 07/08/2017 | Actualizada ás 12:00
O lugar da ‘Volta da Moura’, que se atopa entre os concellos de Salceda, O Porriño e Tui, serviu de escenario, este domingo dunha emotiva homenaxe que contou coa presenza de integrantes da Asociación Levada Libre e do artista Marcos Escudero, autor dun monumento conmemorativo.
Esta escultura servirá para lembrar aos 9 veciños do Porriño que foron asasinados polo Exército franquista días despois do golpe de Estado de xullo de 1936. Por iso, nel están os nomes dos asasinados: Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
O monumento está a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da Asociación Levada Libre, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.
Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, estarán esculpidos o das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indica no mesmo monumento, “a pesar da dor infinda, preservaron con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.