Acusan á Xunta de favorecer eólicos de “canon reducido” que “estragarán” a Costa da Morte

Adega súmase ás críticas aos proxectos de Pena Forcada e Mouriños, de Gas Natural Fenosa. Avisan do alto impacto ambiental e paisaxístico e do escaso beneficio que deixarán nos concellos de Laxe, Cabana e Zas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/08/2017 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Os dous novos proxectos eólicos de Gas Natural Fenosa para a Costa da Morte —os de Pena Forcada (Laxe) e Mouriños (Cabana e Zas)— seguen xerando reaccións contrarias e críticas moi duras por parte de distintas organizacións ecoloxistas. Ás alertas de Salvemos Cabana, A Sociedade Galega de Historia Natural, Petón do Lobo, Arco Iris ou Ventonoso súmase agora Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), que avisa dos "estragos" que estas instalacións causarán nas últimas serras virxes da Costa da Morte, cun "alto impacto" ambiental e paisaxístico na contorna, pero cun "canon reducido". "A súa alta potencia e gran rendemento apenas deixarán canon, virando unha paisaxe única en polígono industrial", denuncia a organización.

Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe
Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe | Fonte: Adega.

O pasado mes de xuño, a Xunta autorizou o parque eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, que vai acoller tres mega-muíños de 3MW de potencia unitaria, xusto ao carón da lagoa de Traba e en primeira liña de costa. Arestora están en tramitación outros 10MW tamén de Fenosa a poucos quilómetros do anterior, enriba do outeuiro que domina o esteiro do Anllóns e as dunas do Monte Branco. As máquinas, de até 3MW de potencia unitaria, superan os 150 metros de alto e van instalarse nuns outeiros litorais que apenas chegan aos 300 metros. "Chama a atención", para Adega, que "en ningún momento a Xunta considerase os efectos sinérxicos destas dúas instalacións situadas a tan pouca distancia e o impacto paisaxístico e de barreira combinado nun dos poucos treitos costeiros sen muíños na costa da Morte".

"CAÓTICA PLANIFICACIÓN"

Ademais das consideracións ambientais, estes proxectos "constatan", para Adega, "o fracaso da caótica planificación eólica de Feijóo, pois "dos 2.325 MW adxudicados en 2010 hoxe apenas se autorizou un 5%", proseguen os ecoloxistas, que lembran que polo medio houbo sentenzas xudiciais que "ratificaron a ilegalidade da anulación dos megawatios adxudicados no concurso do bipartito", aínda que "finalmente o Supremo avalou a manobra de Feijóo". Para Adega, "a inseguridade xurídica fixo que o sector eólico ficara paralizado, perdéndose milleiros de (supostos) postos de traballo".

"O custo para o erario público desta manobra vai xa polos 1,6 millóns de euros para pagar as indemnizacións ás adxudicatarias, e aínda quedan unha media ducia de contenciosos por resolver", láiase Adega.

Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas
Representación virtual do Parque Eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas | Fonte: Adega.

Os ecoloxistas consideran que "Feijóo se gaba de que os fallos xudiciais que obrigan á Xunta a indemnizar ás empresas denunciantes (polo de agora 1,6 millóns de €) compensan os preto de 160 millóns que ingresa o erario público en concepto de canon. Foi precisamente a idea de implantar un canon eólico unha das que usou o PP para xustificar a anulación do concurso do bipartito", lembran dende Adega. 

Mais o canon eólico, recordan, "grava as instalacións por número de muíños e non por potencia instalada ou por produción", como no seu momento demandaron os grupos ecoloxistas. Deste xeito, continúan, "os modernos parques con poucas máquinas mais moi potentes, ao pagar por aeroxerador, xeran máis plusvalías ás empresas e menos ingresos polo canon, distribuido aos concellos a través do Fondo de compensación ambiental".

Así, por exemplo, nestes dous parques de Fenosa na Costa da Morte a Xunta "apenas vai ingresar cartos", advirte Adega, que precisa: "Polo de Pena Forcada (Laxe), de 7MW, o canon é cero ao ter menos de 4 muíños, e polo de Mouriños (Cabana e Zas) de 10MW, apenas 2.300 euros ao ano".

"A cousa pode ser aínda peor para os concellos, moitos dos cales teñen no Fondo de compensación ambiental unha fonte de ingresos 'extra' para, como no caso de Muras, facer política social combatendo a precariedade enerxética", engade Adega.

Neste senso, os ecoloxistas advirten que "algúns dos vellos parques construídos durante o fraguismo con máquinas de 0,3MW están sendo repotenciados con novos aeroxeradores de até 5MW de potencia unitaria", de xeito que "o número de aeroxeradores se reduce, mesmo nun factor de 10 ou superior, xa que un parque con 100 muíños de 0,3MW (30MW de potencia instalada) pode ser repotenciado con 10 muíños de 3MW ou 6 de 5MW".

As contas de Adega din que "logo do repotenciamento, a recadación polo canon eólico podería pasar de 590.000 euros a cero. 10 muíños tributarían 4.100 euros por unidade (41.000 euros), menos a bonificación que sería a porxentaxe resultante de multiplicar por 5 o número de unidades de aeroxeradores reducidas. Neste caso serían 90 muíños menos, que por 5 supoñen 350% de bonificación, isto é, o canon ficaría en cero".

SI AOS EÓLICOS, PERO CON CONDICIÓNS

Adega acusa á Xunta gobernada polo PP de ter "favorecido a grandes grupos empresariais" co seu plan eólico, que considera "lesivo para o interese público e o medio ambiente". Para os ecoloxistas, estes parques causan "graves impactos ambientais" e unha "ínfima xeración de postos de traballo e de dinámicas económicas positivas no tecido socioeconómico, particularmente no rural, alén dos custos económicos directos de sentenzas e indemnizacións", polo que consideran "urxente mudar a situación". 

Entre outras medidas, piden establecer "zonas de exclusión libres de muíños por razóns ambientais, paisaxísticas ou patrimoniais". Pero tamén, e dada a densidade da ocupación eólica dos nosos montes, consideran que "o repotenciamento debería ser obrigatorio". Deste xeito, argúen, "diminuiría a densidade dos parques e a presión sobre o medio, podendo mesmo aumentar a potencia e a produción".

Paralelamente, consideran "imprescindíbel" modificar o canon eólico para que "en troques de gravar o número de muíños, gravase a potencia instalada ou mellor aínda, entrase no reparto dos beneficios xerados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta