Por Walter Burns | Santiago | 27/09/2010 | Actualizada ás 13:08
O PSdeG bótase para adiante. Pachi Vázquez presentou esta mañá no Parlamento unha proposta completa de novo Estatuto de Autonomía de Galicia. Os socialistas argumentan que case pasou a metade de lexislatura, polo que se Feijóo realmente quere, como prometeu, aprobar un Estatuto agora é o momento de comezar a súa longra tramitación.
Os socialistas lembran que seis autonomías xa reformaron o seu estatuto. Vázquez alerta que estamos a perder a efectos prácticos o status privilexiado de comunidade histórica que mantiñamos até hai uns anos. Por iso demanda o “máximo teito de competencias dentro do marco constitucional”.
Feijóo parou por orden de Rajoy
O certo é que a barreira para ter un novo texto non é de competencias. Sobre iso e o resto aspectos había acordo entre as tres forzas parlamentarias. Foi Alberto Nuñez Feijóo quen, na pasada lexislatura, parou o acordo a última horas por ordes de Génova. Lingua e definición de Galicia como nación foron os argumentos que os conservadores presentaron como barreiras.
Por vez primeira o galego sería un deber
No eido da lingua, o PSdeG quere igualar o status de galego e español. Saber castelán é unha obriga para todos os galegos, pero sobre a lingua propia o Estatuto actual só di que “os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”.
O borrador socialista vai máis alá e di “os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia. Todos teñen dereito ao uso de calquera das dúas linguas oficiais, e os cidadáns de Galicia o dereito e o deber de coñecelas”.
O truco do Preámbulo
A outra gran barreira esgrimida polo PPdeG era a definición de Galicia como nación. Touriño e Quintana pactaran unha solución de compromiso, definir ao país como “nazón de breogán”, tal e como se canta no himno. Esta é a solución que calca o PSdeG. Ademais, incorpóraa no Preámbulo, igual que fixera o polémico Estatut. O Tribunal Constitucional non se pronunciou sobre o uso de nación para Cataluña, alegando que ao estar no Preámbulo non tiña efectos.
“O noso himno refírese a Galicia como a 'nazón de Breogán'. Este recoñecemento do carácter nacional de Galicia reafirma a forte identidade histórica da nosa comunidade e os seus trazos específicos, que se plasman nunha lingua e cultura propias que expresan a nosa singular e matizar percepción do mundo”, é a actual proposta socialista".
Reformar o Estatuto sae gratis
Feijóo negárase até hoxe a reabrir o debate do estatuto alegando que a prioridade é a crise. Pachi Vázquez xa lle respondeu que reformar a norma non custa un peso e que Galicia perde miles de millóns ao non ter un Estatuto de nova xeración, que permitiría, ao igual que o catalán, fixar un novo marco de relacións económicas co Estado.
Dende GC somos os primeiros en falicitarvos a proposta completa do PSdeG. Agora animámosvos a debatela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.