Ecoloxistas critican que se tardase 10 anos en controlar o fluxo de turistas ás Cíes

Denuncian a irresponsabilidade de certas empresas navieiras por comprometer a conservación deste espazo natural e poñer en perigo a seguridade dos visitantes.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/08/2017 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A polémica das últimas semanas polo turismo desordenado nas Cíes puxo de manifesto, para os grupos ecoloxistas, que se estaba incumprindo de xeito reiterado o cupo de visitantes ás illas. Un incumprimento, din, que se remonta hai dez anos.  “Alegrámonos de que por fin o problema saia á luz pública e se comecen a tomar medidas adicionais para impedir os incumprimentos. Mais a responsabilidade desta situación non é unicamente desas navieiras, ás que parece que non lles importa matar a galiña dos ovos de ouro que para elas representa o Parque Nacional, senón tamén das autoridades, polo desleixo co que veñen actuando ano tras ano respecto a este tema”, apuntan.

Un dos barcos da Navieira Mar de Ons, concesionaria do servizo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conecta coas Cíes
Un dos barcos da Navieira Mar de Ons, concesionaria do servizo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conecta coas Cíes

Nun comunicado conxunto  ADEGA, APDR, FEG, Rede de Colectivos  A Ría non se Vende, Salvemos Monteferro, Verdegaia  e  Voces Polo Litoral lembran que o ecolismo alertou xa en 2014 que se estaba excedendo o cupo de visitantes ás Cíes.  “Entón o Director-Conservador do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, sacoulle importancia a este dato negando ningún tipo de exceso de cupo”, lembran.

Dende 2011 lévanse presentado arredor de 120 denuncias ás navieiras por exceso de cupo e ningunha superou a contía de 12.000 euros. Por iso, os ecoloxistas lembran que, coa lei na man, poderíanse ter imposto sancións de ata 200.000 euros e incluso unha retirada temporal da concesión. “Isto está en sintonía coa tibieza do Parque Nacional á hora de sancionar actividades non permitidas ou ilegais tais como a entrada en zonas de reserva, a pesca deportiva en augas do espazo protexido...”, destacan. 

Algunhas das varias navieiras vendían, ata agora, billetes de xeito descontrolado, chegando nos momentos máis álxidos da tempada turística a dobrar o número permitido. Por iso, o Movemento Ecoloxista insta á Administración a que garanta un control máis rigoroso do número de billetes vendidos.

Neste sentido apuntan que os esforzos das administracións co Parque Nacional deben  ir máis encamiñados á conservación dos seus ecosistemas que a presentar ás illas exclusivamente como destino turístico. “A principal finalidade dun Parque Nacional é a conservación dos seus valores naturais fráxiles ou singulares, e a ela deben supeditarse todas as medidas de xestión”, engaden.

Praia De Rodas, Nas Illas Cíes
Praia De Rodas, Nas Illas Cíes

Outras medidas

Ademais, piden a aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión que leva agardando desde hai 14 anos. Tamén reclaman aumentar a dotación de persoal que efectúa labores de vixilancia e información durante o verán. En non poucas ocasións tan só hai unha guía para as 3.000 persoas que visitan o arquipélago de Cíes durante os meses de xullo e agosto.

Tamén piden máis investimentos en conservación, especialmente no control de flora exótica invasora, e un maior número de estudos e actuacións para frear o declive de especies ameazadas como o corvo mariño cristado que pese a ser o emblema do Parque Nacional, rexistrou nos últimos anos un grande declive poboacional no espazo protexido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta