Matar o símbolo

Agora o teño claro. A culpa é dos sindicatos e dos seus liberados, que son uns vagos.

Por Diego E. Barros | Santiago | 02/10/2010

Comparte esta noticia

Eses que presumen de defender á clase traballadora e que visten camisas de seda italiana, van comer a restaurantes de varios garfos e levan á muller de cruceiro. Vividores que levan anos a costa das subvencións públicas —como partidos, empresas, xornais e un longo etcétera—, e agora veñen cunha folga xeral para impedir que a xente vaia hoxe traballar polo ben da súa empresa (en dificultades, como todas), polo ben da economía e do país. 

Hai uns meses a culpa era nosa. Dos traballadores que crimos que tiñamos dereito a traballar por un salario digno, a un coche e, algún día, a un piso en propiedade. Tan hipotecados acabamos que fixemos que o sistema colapsara. Sorte que os Estados andiveron rápidos cos seus cartos para salvar mercados (?) e bancos. Do contrario, quen sabe onde estaríamos hoxe. Igual con menos bancos. Igual cunha morea de hipotecas, o mellor, sen cobrador. Lástima dos hipotecados. 

Os mesmos que ían refundar o capitalismo para poñerlle faciana humana acabaron instaurando o comunismo por un anaco. Ao fin, pensaron, andar poñendo facianas humanas sobre teorías económicas é algo que xa probaran os soviéticos nos anos oitenta e mira no que acabou todo.

Pero resultou que non. Porque a relación do capitalismo co Estado é como a do escorpión coa ra que consentíu en lévalo nas costas para cruzar un río crendo que non lle ía picar. Alí tamén resultou que non e aló foron ambos dous para o fondo. Antes, o escorpión mirou á ra e, seriamente, díxolle: E que agardabas? Está na miña natureza, non o puiden evitar. Os mercados, o capitalismo salvaxe, non puideron evitar pedirlle contas a uns Estados que se endebedaron demasiado para salvalo. Que os Estados máis esixidos agora sexan os únicos da UE onde quedan Executivos aparentemente socialistas é só unha desas tantas teorías conspiratorias que circulan por aí. Que o Estado afunda para salvar ao capitalismo é lei universal.

Así chegamos a hoxe. A unha xornada de folga que ninguén —nin políticos, nin empresarios nin traballadores—, parece querer menos os sindicatos, que deben ser extraterrestres. Unha irresponsabilidade propia duns irresponsables que cren aínda na loita de clases cando non existe tal loita. Nada que ver cos veciños galos que levan cinco e son admirables.

Pola canción sabíamos que debaixo dos adoquíns non había area de praia. Hoxe, co cemento luicido brilla máis o sangue derramado por uns dereitos que agora son unha rémora para sistema. Basta comparar o crecemento dos chamados países emerxentes co dos xa emerxidos, advirte o FMI. Que os cidadáns dos segundos teñan vicios de cidadáns e non obrigas de escravos é cousa da letra pequena que ninguén le nos contratos. Por eso é o momento óptimo para volver ao principio por un pretendido ben maior, aínda que o inferno estea cheo de boas intencións. Por eso Díaz Ferrán fala de piquetes antidemocráticos que impiden que a xente vaia traballar e ninguén dos empresarios que din se vas hoxe, mañán non volvas.

Nun xornal que ven de descubrir a vida real, o sociólogo francés Alain Touraine escribíu o pasado domingo: “O grande capitalismo acaba de amosar de novo a súa incapacidade para autoregularse e o movimento obreiro está moi debilitado. Xa non hai pensamento nas dereitas no poder. A única gran tendencia da dereita é a xenofobia; a única gran tendencia da esquerda é a busca dunha vida de consumo sen contratempos.”

Unha análise certeira agás un detalle. A (ultra)dereita ten na xenofobia unha manifestación máis mais leva anos desenvolvendo o pensamento. A crise só é a etapa final. Convencéronos de que os traballadores (todos) son só consumidores e os empresarios (todos) só emprendedores do ben común. Se non quedan traballadores, tampouco movemento obreiro. Morto o can, obreiro (“algo tan desfasado”, dicía Ana Rosa na televisión), rematou a rabia, sindicato. Con eles, a negociación colectiva. Liberdade absoluta para os nosos emprendedores que, de aquí en diante, van deixar de invertir en tecnoloxía para facelo en bolas de cristal. As mesmas que lle dirán se nuns meses terán perdas que lle permitan despedir a un cuarto do cadro e baixarlle o salario ó resto.

Non se trata de defender ós sindicatos, culpables, en parte da súa mala imaxe. A mesma que teñen os políticos e que fai que Belén Esteban pareza a derradeira esperanza branca porque es una chica de barrio y habla claro meridiano. E non por eso vamos xubilalos aínda que moitos leven anos facendo méritos. O sistema debe seguir funcionando pero é responsabilidade de cada un como o faga. Son os cidadáns quen deben sortear as árbores que impiden ver o bosque. O sindicato (de clase) é o derradeiro símbolo. Din que carecen de lexitimidade. Quen a ten arestora?

No momento que escribo esto, hai cargas violentas en Barcelona. A policía catalana ven de desaloxar o vello edificio de Banesto, ocupado desde o sábado. A Generalitat (de esquerdas) decide o desaloxo xusto o día da folga xeral e dúas horas antes da grande manifestación na cidade condal. Xa temos a ecuación perfecta para as primeiras páxinas de mañán: Okupas, sindicatos, piquetes, violencia.     

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Diego Espiña Diego E. Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais pola Western Michigan University. Anda a voltas cunha a tese doutoral sobre Banda Deseñada e Xornalismo polo que, tras o paso por varios medios galegos, agora só escribe, o que nos tempos que corren, non é pouco.