O ano que morreu Galicia

Algo debe ter un país para que unha dinastía coma a de Baltar semelle omnipotente.

Por Diego E. Barros | Santiago | 02/01/2011

Comparte esta noticia

 Algo debe ter un país para que o heredeiro da dinastía compareza coma o máis listo da clase gañándolle a partida ao sabichón de gafas e, impertérrito, sexa capaz de proclamar aos catro ventos: Galicia no existe, sólo sus vecinos. E todos os que maman dos tetos desa vaca inesgotable que é Galicia a calar. Salvados os destinos da vaca despois de aplastar épicamente e contra prognóstico a pérfida deriva bipartita, as forzas imperiais poideron, por fin, cantar vitoria. Galicia non existe porque a Galicia matámola entre todos e morreu coma morre o ano que acabamos de enterrar.

Cómpre preguntarse se Galicia existíu alguna vez. O optimismo vital lévame a contestar que si, varios sinais así o amosan diante de calquera visión exenta de ponzoñas partidistas. Un idioma común é símbolo dunha cultura de seu, nin mellor nin peor que a do lado, mais si diferente. Unha das máximas filolóxicas advirte de que as cousas non existen antes de seren nomeadas. A lingua o é todo por moito que as pantasmas da Galicia cunilingue boten a pacer verbas tan baleiras de contido coma a aparente liberdade. Máis aló, a mera existencia de dinastías é unha proba irrefutable de que hai un universo paralelo. E está aquí.
Doutra banda emerxe o realismo de pe de rúa. Ultimamente contestei dúas enquisas telefónicas encargadas por cadanseu bando militante. Todas comezaron igual: Cal cre vostede que é o principal problema de Galicia? Teimo en acordar do que lle oín a un finado director de cine ourensán, cuxo nome non lembro: Galicia sería un gran país de non ser polos galegos. Una verdadeira declaración de realismo máxico. A enquisadora (porque sempre son mulleres?) ri, e eu penso que aí rematou a enquisa. Os galegos, veciños desta Galicia inexistente, salvo esa inmensa minoría, séntense cómodos nela. De aí o triunfo supremo das forzas imperiais neste ano que acabamos de rematar: demostrar que a autonomía e, por extensión, a Xunta son innecesarias nun país que non existe: Galicia. Galicia non merece a súa autonomía simplemente porque nunca a quixo, máis aló de como queren a súa, por exemplo, os murcianos. Pura consecuencia do café para todos que foi a sacrosanta transición.

Por eso a Xunta imperial comezou rápido matando símbolos. Primeiro, algo tan irrelevante coma icónico: un partido de fútbol. Xa o advertira Albert Camus: “Patria é a selección nacional de fútbol.” Despois a lingua. Ferido de morte o instrumento para nomear a realidade nacional, este último adxectivo carece de utilidade. Declarámolo prescrito.

E aquí chegamos. O mandamento da austeridade callou tanto que o propio Executivo diluíuse á mínima expresión. Pesca, agricultura, traballo e sanidade son simples recordos do pasado. Ninguén sabe que se fixo e, menos, ás ordes de quen. O resto responde á estratexia de baixa intensidade de acción e máxima queixa na paixón. Pobres nós, galegos, rodeados de inimigos en Madrid e, como non, en Cataluña. E para eso estudiámolo nun internado.

Certo é que o nacionalismo cúrase viaxando. Pero tamén é certo que toda política é hoxe só economía e ésta so é nacionalista. Ás probas me remito: unha caixa que nin é nova, nin grande, está por ver se galega e cun acrónimo, Nocaga, do máis edificante. Nunca entendín o por que dos ataques a Cataluña e ós seus políticos. O único que me produce Cataluña é certa envexa. O resto son titulares e árbores que impiden ver o bosque.

Os nosos políticos levan trinta a nos vendendo Galicia en troques de creala. Namentres seguimos na práctica do deporte nacional: chorar por un pasado que, por moita bágoa derramada, xa non se pode mudar. Primeiro foron os ríos e este ano consumouse a (re) venta do vento. Aos de sempre. A colonia da que falaba Castelao voltou ao seu rego.

Nesta morte morrida o imperio popular gozou dunha inestimable axuda desde o outro lado da bancada facendo bo ese mito da esquerda que di que cando se xuntan dous esquerdistas a discutir afloran polo menos tres opinións. No caso do BNG, esto multiplícase exponencialmente. No caso do PSdeG… Os socialistas galegos aínda deben decidir seren galegos e troques de levar toda a vida facéndose o galego. A tal punto chegaron, que a sombra de Emilio Pérez Touriño (presidente, lembran?) cada día faise máis alongada. Tanto que impide ver a matemática básica: un máis un son dous: dous son máis que un.

O país morreu, proclameille a un amigo recén chegado. Non, está durmido e verás cando esperte, rebatíu. Ficamos expectantes ante o abrente dos mortos vivintes.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Diego Espiña Diego E. Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais pola Western Michigan University. Anda a voltas cunha a tese doutoral sobre Banda Deseñada e Xornalismo polo que, tras o paso por varios medios galegos, agora só escribe, o que nos tempos que corren, non é pouco.