Un ogro tras a porta

A editorial de Le Monde de onte comezaba dando a crave: «A crise votou. Masivamente». En catro palabras, o principal rotativo galo explicaba dous dos factores que marcaron o primeiro combate dunhas presidenciais que se dirimirán o próximo 6 de maio.

Por Diego E. Barros | Paris | 24/04/2012

Comparte esta noticia

 Por unha banda, os votantes acudiron masivamente ás urnas desmentindo unhas sondaxes que prognosticaban unha alta abstención; e fixérono para amosar que, en democracia, a discrepancia e o enfado xeral coa marcha das cousas faise dun xeito sinxelo: votando. Por outra, lembraban que a situación de desafección e tamén de indignación provocada pola actual crise económica á que uns gobernantes semellan incapaces de facerlle fronte sen outro remedio que atacar aos únicos que non son responsable dela era apoiando a unha candidata que se presentaba como «antisistema» e inimiga da tripla que os está a afogar: os partidos tradicionais e a súa alianza cos mercados no seo Unión Europea que dista moito de ser ese espazo de cidadanía que nos venderon hai xa demasiado tempo. 

Tras acadar o domingo o mellor resultado da súa historia, un 17,9% dos sufraxios, a líder da ultradereitista Fronte Nacional, Marine Le Pen acadaba o seu obxectivo: colocarse no centro do xogo político galo. Se ben é certo que Madame Le Pen está fora da segunda rolda que se xogarán o socialista Françoise Hollande (28,63%) e o presidente saínte, Nicolas Sarkozy, que cun 27,18 convértese no primeiro mandatario que acode ás urnas estando no cargo e sae derrotado en primeira volta en 54 anos de historia da V República, o seu foi un triunfo rotundo. A súa é unha xogada a longo prazo, coa mente posta nas Lexislativas do 10 e 17 de xuño próximo, momento no cal soña con aproveitar a previsible división en reinos taifas na que caerá a UMP se se cumpren as sondaxes e Sarkozy cae definitivamente derrotado. De aí que onte o seu número dous á fronte do FN, Louis Allot, quen tamén é compañeiro sentimental de Le Pen, saíse para asegurar que non ían «marcar o voto aos seus seguidores» o 6 de maio. «Nin Sarkozy nin Hollande defenden as nosas ideas», sinalou Allot. E cales son esas ideas? Se lle facemos caso ás declaracións de Le Pen durante a campaña e na mesma noite do domingo, o obxectivo é claro: «estoupar o sistema». Algo que, no fondo, comparte co Front de Gauche de Mélenchon que, pese ás boas sensacións que foi quen de transmitir en campaña quedou lonxe das súas expectativas. 

Cos números na man, moitos se preguntan fóra se é posible que na ilustrada Francia cos seus valores de liberdade, igualdade e fraternidade marcados a lume no seu imaxinario, un de cada cinco votantes sexa de ultradereita. A resposta é si pero a medias. A diferenza do que se poida pensar, Francia é un país moito máis tradicionalista e, sobor de todo, nacionalista do que parece a simple vista. Dalgún xeito garda moitos puntos en común co seu aparente antagonista, EEUU. En ambos os dous o rural ten un peso moi importante á hora de conformar maiorías políticas. Tamén como EEUU, Francia séntese unha potencia cuxos mellores anos quedaron atrás e ese ruxerruxe sóuboo aproveitar Le Pen nos seus discursos apocalípticos. Unha chamada á grandeur de antano que foi recollida por moitos dos que agora senten que os lemas onde se sustenta a República non son máis que papel mollado debido a uns gobernantes que cederon ante institucións foráneas ―léase UE ou Berlín―, e, sobor de todo os tan manidos mercados que, no imaxinario colectivo están representados en moitas das perigosas amizades que Nicolas Sarkozy cultivou estes cinco anos de mandato. 
 
Non se pode esquecer que o resultado do domingo é tamén un dobre castigo para Sarkozy. Un presidente a quen os seus concidadáns lle reprochan moitos dos males da República e cuxas formas non fan máis que fomentar unha animadversión que naceu poucos meses despois de gañar en 2007. 
No é que en Francia, da noite para a mañá os ultras se multiplicaran coma fungos. Simplemente dixeron basta. O caladoiro onde Madame Le Pen bota as súas redes é o da desesperación. Xubilados, agricultores, mozos e sobor de todo, obreiros. Aqueles que recibiron de Sarkozy desprezo ―«pobre cabrón», como lle dixo a un gandeiro que se negou a saudalo hai anos―, durante estes anos. Por iso desde a mesma noite electoral comezou a cortexalos con esa declaración de entender o seu “sufrimento”. Todo fai indicar que nas dúas semanas que quedan por diante, o aínda presidente afondará no seu discurso nacionalista e demagóxico falando de traballo, seguridade, fronteiras e, como non, inmigración. 
 
Na outra beira, Hollande non o terá fácil. No fondo, se hai desafección cara Sarkozy, a esquerda oficial leva anos desangrándose a medida que abandonaba ás clases que di representar. E estas, orfas bótanse en mans de quen, sen discursos floridos, acode presto a escotalas e contestar o seu mesmo idioma. Os medios galos, como as sondaxes, daban onte por segura a vitoria de Hollande o seis de marzo. Case tanto por mérito propio coma por demérito dun presidente bling-bling a quen nin os seus propios seguidores aturan máis. 
 
Porén, esta será unha nova parada nun camiño que se presenta longo e cheo de dificultades. Hollande ten traballo dentro pero tamén fóra, para reverter unhas políticas comunitarias que están agrandando o buraco baixo os nosos pés. Se Hollande decepciona a propios e estraños, o camiño preséntase cheo de incertidumes e aboado para a reaparición de pantasmas que en Europa críamos ter soterrado hai décadas. 
 
O filósofo André Glucksmann ―que hai cinco anos apoiou a Sarkozy―, sinalaba o domingo nun diario español: «Non agarden nada de Francia, estamos coma nos anos trinta». Eu non sería tan catastrófico. Como algúns historiadores teñen dito, coido que a historia é cíclica e para entender moito do que hoxe acontece basta abrir un libro da materia no ano 1912. E xa se sabe que de non mediar un cambio axiña, un ogro agarda tras a porta.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Diego Espiña Diego E. Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais pola Western Michigan University. Anda a voltas cunha a tese doutoral sobre Banda Deseñada e Xornalismo polo que, tras o paso por varios medios galegos, agora só escribe, o que nos tempos que corren, non é pouco.