As condicións laborais do Parque das Illas Atlánticas: “2.000 horas de máis e condicións penosas”

A Xunta acumula incidencias co parque estrela de Galicia. Ás denuncias por sobrevenda de billetes súmase a mala xestión do parque e a sobreexplotación laboral de moitos dos seus traballadores contrasta coas intencións do propio Goberno galego de conseguir 400.000 visitantes. Unhas previsións que non teñen en conta as necesidades reais das illas para poder soportalos.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 05/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Parque Nacional das Illas Atlánticas é o único parque nacional que existe en Galicia e o parque natural máis importante e o máis visitado do país. Pero nas últimas semanas está na boca de todos pola súa nefasta xestión. ás denuncias por sobrevenda de billetes por parte das navieiras que fan os percorridos as dúas pincipais illas, Cíes e Ons, súmase, agora, as protestas polas “pésimas condicións laborais” dos seus traballadores.

Operarios do Parque Nacional Illas Atlánticas traballan para eliminar niños de vespa velutina nas Illas Cíes
Operarios do Parque Nacional Illas Atlánticas traballan para eliminar niños de vespa velutina nas Illas Cíes | Fonte: Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

A xestión do parque é responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Pero a súa xestión está en entredito tras os acontecementos das últimas semanas.  A mala planificación das viaxes e do número de visitantes ás illas non é o único problema que afronta a Xunta. Os problemas laborais dos seus traballadores son unha constante que, tras a delegación de competencias por parte do Ministerio de Medio Ambiente, aínda non foron resoltos.

Xestión “desastrosa”

A Administración galega asumiu todas as competencias sobre o parque hai nove anos pero sen resolver, aínda a súa situación laboral. Así, a Consellería de Medio Ambiente tivo que asumir a estes traballadores como persoal laboral. Algúns deles xa traballaban para o Ministerio de Medio Ambiente, pero a gran maioría proviña de Tragsa. Con todo, a súa xestión, ao igual que o das navieiras “é un completo desastre”, segundo denuncia en declaracións á GC, Rodolfo Docampo, de CIG-Administración. Tal é o “caos” que a situación laboral xa foi levada a Bruxelas a través da eurodeputada galega Lidia Senra.

A dirección do parque organiza o traballo do seu persoal en dúas quendas, obrigando así aos traballadores a facer gardas de 24 horas ao día e pernoctando nas illas sete días seguidos. “Isto implica unha inusual situación de explotación laboral”, destaca Docampo.

Un dos barcos da Navieira Mar de Ons, concesionaria do servizo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conecta coas Cíes
Un dos barcos da Navieira Mar de Ons, concesionaria do servizo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conecta coas Cíes

De feito, con este sistema, os traballadores acaban realizando unha media de 2.000 horas de máis ao ano que non son pagadas nin compensadas. “É lamentable. Están traballando en quendas semanais completas e illados as 24 horas e mesmo vivindo nalgunhas das illas durante unha semana”, apunta Docampo. Entre as súas tarefas están ás de vixiancia, mantemento, atención ao público e tarefas medioambientais. Así, o persoal actual do parque está composto por guías turísticos (só nas Cíes e en Ons), persoal de atención e vixiancia e axentes forestais e medioambientais. 

Entre as funcións destes traballadores están a de coidar dos equipos electróxenos que abastecen de luz as illas, do abastecemento da auga doce, xestionar gran parte do lixo xerado, limpar e manter as instalacións públicas nas illas, controlar os fondeos e inmersións, controlar o correcto comportamento dos miles de visitantes as illas cada día e os cupos de visitas, entre outros traballos.

Numerosas incidencias

A esta situación precaria tamén se lle engade a organización do traballo dos arquipélagos máis pequenos do parque, Sálvora e Cortegada, que só contan cun traballador por quenda que non pode contar con apoio inmediato de ninguén en caso de calquera incidencia ou emerxencia.Entre estas incidencias reais e moi comúns, están accidentes e evacuacións por motivos sanitarios, falta de médicos nas illas, masificación, falla de auga, verquidos, ruídos nas discotecas improvisadas, orden público, pesca furtiva amateur, profesionalizada e reincidente.

Os traballadores denuncian que esta organización do traballo, herdada doutros tempos, “está lonxe da legalidade e retrata a pasividade da administracións responsable”. “Ata agora non se plantexou organizar o traballo conforme ás normas existentes e dun xeito máis efectivo de cara ó obxetivo do único Parque Nacional Galego que é a conservación dos valores e procesos naturais que se dan neste espazo protexido”, indican en declaracións a GC. 

Desde a CIG-Administración sinalan que a consellería non foi quen de negociar as condicións de traballo para que se inclúan as súas condicións na Relación de Postos de Traballo (RPT) da Xunta. “Ten que haber máis persoal. Non podemos querer un parque bonito pero sen ter os medios para facelo”, indica Docampo.

Así, destaca que este persoal, sobre todo os 14 profesionais que se encargan de tarefas de vixiancia, “sofren as peores condicións e están moi desprotexidos”. De feito, o propio Servizo de Prevención da Xunta recomendou nunha visita ás illas que os traballadores non poden estar sós porque hai moitos riscos. GC tamén se puxo en contacto coa Xunta para coñecer a situación laboral destes traballadores pero aínda non obtivo resposta.

Os perigos da turistización

En todo caso, a xestión laboral do parque dista moito dos obxectivos da Administración galega de chegar ós 400.000 visitantes esta tempada. Unhas previsións que non teñen en conta a sobrexplotación de acuíferos para cubrir as necesidades dos servizos ofertados nas illas ós visitantes (campings, restaurantes, bares, aseos públicos, etc). 

Esta masificación tamén compromete os ecosistemas illáns e entre outras a supervivencia das poboacións de anfibios, xa en perigo de extinción nas illas, a contaminación producida polos fumes e ruído dos xeradores que aportan electricidade a negocios e vivendas. No caso de Ons é a propia administración a quen, dende os anos oitenta e con recursos públicos, aporta electricidade de balde ós grandes negocios hosteleiros da illa.

Imaxe do arquivo do Parque Nacional Illas Atlánticas.
Imaxe do arquivo do Parque Nacional Illas Atlánticas.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Un parque nacional que aspira a declaración de Patrimonio da Humanidade UNESCO alimentado por Grupos Electróxenos !!! Sen palabras !!!

1 Chalana

Mellor enchelo de placas solares ou eólicos... Ou pasar un cable submariño dende Cangas. Onde vai parar...!