Pasos a prol da solidariedade

Durante estes días, entre o 11 e o 16 de outubro, varias ducias de voluntarios e voluntarias de ONGD galegas farán algo máis dun cento de quilómetros do Camiño de Santiago, dende Sarria a Compostela.

Por Emilio Martinez | Vigo | 14/10/2010

Comparte esta noticia

A razón que os impulsa é difundir socialmente a sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza, por parte dos axentes sociais e os partidos con representación no Parlamento Galego.

O Pacto Galego contra a Pobreza, baseado no documento aprobado pola asamblea da Coordinadora Galega de ONGD (que agrupa a case medio cento de organizacións) tenta ser un documento de consenso que marque as liñas estratéxicas sobre as que debe discurrir, nos próximos anos, a acción das institucións públicas galegas (tanto a Xunta de Galicia como as entidades municipais) no referente á política de cooperación ao desenvolvemento en tódo-los ámbitos que a conforman. Así o pacto fixa tanto obxectivos orzamentarios: o 0,7% dos orzamentos da Xunta de Galicia adicados a cooperación no 2017, como metas en canto á xestión: transparencia dos mecanismos, favorecer o papel das ONGD como axentes de cooperación, velar pola eficiencia no uso dos fondos, concretar a prevista creación da Axencia Galega de Cooperación. O documento trata tamén outros aspectos importantes que conforman as políticas socias galegas: fomento da economía social e o comercio xusto, finanzas éticas, inmigración e políticas transversais como as referentes ao cambio climático, que, lembremos, afecta ao Sur en maior medida que ao Norte, responsable de boa parte do problema (aínda que para algún tal non exista).

En sí mesmo o contido do Pacto non é unha novidade. Moitas das medidas que se propoñen, moitos dos acordos que o conforman, están recollidos en diversos textos, algúns de carácter oficial, como o propia Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento ou os plans directores de cooperación (o último de hai uns escasos meses), unha e outros aprobados polo Parlamento Galego. Ou ben, as reivindicacións do Pacto, aparecen recollidas nas follas volandeiras que os políticos galegos esgrimen en cada campaña eleitoral. Textos oficiais ou promesas partidarias, tanto os uns como as outras, a experiencia amosa que o que é de agardar é o incumprimento, con o sen disculpas, que todos sabemos que “do dito ao feito hai un grande treito”.

Con todo, a sinatura do Pacto, o petar nas conciencias dos nosos políticos e amosarlle, con actos como o que estes días organizan as ONGD, que existe un interese social sobre cooperación ao desenvolvemento, é un deber das organizacións sociais, un deber para con quenes son o obxectivo dos seus programas e proxectos, esas ducias de millóns de mulleres que cada día camiñan kilómetros ata unha fonte de auga ou esas outras ducias de millóns de nenos e nenas que cada mencer camiñan, tamén kilómetros, ata unha escola que ás veces non é mais que unha “uralita” en inestable equilibrio sostida sobre unhas vigas.

Os tempos non son os máis idóneos para que o que o sábado 16 de outubro se asine en Compostela se convirta en realidades palpables no corto e medio prazo. A nivel social, segundo o estudio do Centro de Estudios Sociológicos, de finais de 2008, a diferencia de anos anteriores, era maioritaria a poboación (46,4%) que consideraba que a cooperación ao desenvolvemento non era unha prioridade dos gobernos autonómicos e locais (no ano 2006 un 54,6% opinaba que as comunidades autónomas e os concellos debían ser activos neste campo). A nivel institucional a situación de crise ten posto en evidencia a volatilidade do compromiso, volatibilidade exemplificada na súa versión extrema na supresión das partidas de cooperación no concello de Madrid, tal vez para enxugar unha parte dos cuantiosos gastos producidos polo dispendio da candidatura a cidade olímpica, ou para afrontar o mantemento do presuntuoso obelisco erexido por Caja Madrid na Praza de Castilla (cun custo de mais de 15 millóns de euros).

Os días seguintes á sinatura do Pacto serán días importantes para verificar si o asinado é algo máis que un brindis ao sol do que os nosos políticos tirarán en limpo unha foto nos xornais e algún que outro minutiño na radio ou na televisión galega. O día 19 de outubro o goberno de Núñez Feijoo aprobará no consello da Xunta a proposta de orzamentos para o vindeiro exercicio. Nunhas poucas páxinas dese documento, nas referidas ás partidas orzamentarias que xestionará a Dirección Xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior, poderemos comprobar si o compromiso é real ou a sinatura foi simplemente unha mostra máis da enorme capacidade para a hipocresía coa que o goberno galego xa non é capaz de sorprendernos. Lemmbremos que entre 2009 e o 2010 os orzamentos de cooperación reducíronse arredor dun 14%, que simplemente non se reducirán, en termos absolutos, deberíamolo considerar un éxito, un penoso éxito.

E nos meses seguintes veremos como se conforman os orzamentos das entidades locais. Unha vez coñezamos as propostas orzamentarias veremos si se fai bó o dito de que se colle antes a un mintireiro que a un coxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.